Xoves. 28.03.2024

“Tendemos a calar pola culpa. Debemos colectivizar o malestar. Protagonizarnos”, dixo Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica, para rematar a súa charla sobre a fibromialxia, unha enfermidade que sofren especialmente as mulleres e que o sistema médico institucional desatende. Acababan de dar testemuño da súa doenza, tamén desatendida, agochada polo sistema que cometeu un erro que afecta unhas 80.000 mulleres no Estado, as mulleres da asociación de afectadas polo Essure. Unha muller sufre un desmaio na sala.


A xornada Invisibilizadas para a medicina, coa que a Escola Rural de Saúde da Limia volveu traer a Xinzo á Valedora e, por vez primeira, ao Consello da Cultura Galega, foi un berro de moitas. Un berro que levaba once anos na gorxa de moitas. Moitas daquela foto que un día Lola Rico, a promotora da Escola, mostrou nun despacho oficial. Gudín (Xinzo), un grupo de mulleres sentadas ao redor dunha mesa. Todas maiores, unhas son coidadoras, as fillas, outras son coidadas, as nais.    


Miran á cámara. A foto é un berro que non escoitan as autoridades. Unha dor apagada. Así sofren as mulleres no rural. O silencio das nais que se transmite as fillas. Lola Rico expresa a súa dor e o silencio de anos contando na Casa da Cultura de Xinzo, diante da Valedora, do Consello, mulleres que saben de que está a falar, diante de Rosa Cerqueiro e das mulleres do Essure, dalgunha que se achegou e di que sofre fibromialxia e quere saber como se expresa esa dor e a rabia.


Lola Rico fala do fondo dun pozo que todas recoñecen e do que saíu a Escola. Que ten que levar ese nome porque ten que ensinar ás mulleres a non calar pola culpa, a colectivizar o malestar a falar para sentirse a si mesmas. A iso veñen moitas. A xuntarse e escoitar como ese berro se abre paso. Conta Lola Rico a dor no fondo. Conta un relato de accións de empoderamento, resistencia e axuda mutua. A historia da Escola. A necesidade de estima pública e por iso as Mulleres Símbolo, mulleres exemplo como Genoveva Vázquez Calviño ou Matilde Gándara. 


O acto feminista máis importante do ano en Xinzo non se celebrou o 8 de marzo. Aconteceu antonte, na Casa da Cultura, cunha xornada que empezou sinalando os muros e rematou nun berro. Pode que o berro non derrube os muros máis grosos, mais eses mesmos muros devolven un eco atronador. 

“Tendemos a calar pola culpa. Debemos colectivizar o malestar. Protagonizarnos”, dixo Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica.


Un xuíz puxo de manifesto a inxustiza do sistema normativo que penaliza ás mulleres en conxunto fronte aos “lanzadores de martelo, disco e dardo”, profesións de risco na lexislación laboral, que ignora moitos dos traballos feminizados, segundo explicou o maxistrado Fernando Lousada, que tamén dixo que, a respecto da saúde das mulleres, hai un muro na investigación (investíganse menos determinadas doenzas que afectan singularmente mulleres), outro muro na atención e outro na xustiza. Diante destes muros, o maxistrado animou á reivindicación dos dereitos, a protesta. 


A protesta que empeza cun berro. Once anos despois da súa fundación, a Escola Rural de Saúde da Limia, cun traballo constante e xordo, afondou en dúas liñas: no coñecemento do drama rural que afecta en particular ás mulleres e na necesidade de restablecer as prácticas comunitarias no rural, tarefa que están en mellor disposición de emprender as mulleres. A vía da Escola está moi afastada da que percorre o feminismo institucionalizado en programas de empoderamento cosmético, desde arriba, unha contradición. A vía da Escola vai máis en paralelo con outras experiencias na Limia de recuperación da comunidade. Na Limia, esas comunidades aínda teñen vida e memoria. Noutros lugares xa desapareceu. E o berro das mulleres morreu con ela.   

WhatsApp Image 2022-09-22 at 21.11.09
Panel sobre Genoveva Vázquez no Museo do Médido Rural en Maceda.

A xornada acabou cun recoñecemento a Genoveva Vázquez Calviño (Xinzo de Limia 1896-1971), a partureira do pobo, que desde esta semana comparte espazo no Museo do Medio Rural de Maceda con outras sanitarias. Unha muller símbolo rescatada pola Escola Rural de Saúde, memoria do rural e vida, diso aínda queda na Limia.

NOTICIAS XINZO | As mulleres que non calan