martes. 10.12.2024

A Escola Rural de Saúde da Limia leva un tempo recuperando biografías de mulleres que foron ou son pezas básicas nas súas comunidades. Algunhas son mulleres importantes, outras non se dan importancia. Sucede con Matilde, unha “pioneira” en moitas cousas, por circunstancias, á que non lle gusta saír nas fotos. 

Matilde ten 80 anos, un pequeno museo na súa casa de San Pedro de Laroá que é unha colección dos obxectos importantes da súa vida: as cámaras de fotos, os focos e as máquinas do estudo de fotografía, teares, un carro, aparellos do campo e da tenda, tallas de madeira, esmaltes, follas secas e as fotos, as noivas nas vodas, das festas, das misións en África, dos pais, labregos, mallando a herba, dunha neta...

É como se coas fotos non bastase. As fotos son un pouco unha impostura, e todos eses obxectos, máis reais, desgastados, advirten desa impostura. A vida non son momentos, a vida pasa. Iso din os ollos claros e serenos de Matilde, que é unha muller que ri moito, mais ponse seria para as fotos.

Quizá agora Matilde comprenda aquelas xentes que lle pedían sempre a mesma fotografía de estudio, nenos dereitos, familias ergueitas, serias, ás que tampouco lles gustaba saír nas fotos.

Matilde coñeceu ao seu marido por carta. El estaba na mili e ela escribíalle as cartas a nai dun veciño que estaba na mili e que tiña unha foto dunhas rapazas de Feás, Calvos de Randín. Esa foto marcou a primeira parte da vida de Matilde. 

Esa foto e unha tía solteira que ordenaba o que había que facer na casa...

Matilde 3
Matilde Gándara, na sala onde garda os seus recordos como fotógrafa.

Fala Matilde:

“Casei aos 18 anos cun chico que era do Barco de Valdeorras. Veu dúas veces xunto a min antes de nos casar. A tía ordenou da voda e aí vai morena... Foi unha voda como se facían daquela, unhas 25 persoas, viñera moi pouquiña familia de alá. Pararon aquí un día ou dous. A miña tía marchou onde un tratante e comproulle un carneiro que lle valeu mil pesetas”.

O ESTUDO DE FOTOGRAFÍA

Quen aprendeu algo de fotografía foi el. Primeiro foi onde un fotógrafo que había alí nun pueblo cerca do Barco. Despois marchamos para Suíza, para Xenebra, e alí tamén estivo cun fotógrafo xa xubilado. Cando viñemos para Xinzo alugamos un piso e, como lle gustaba moito, tratou de montar algo de fotografía. Comprou a mellor maquinaria que había. Púxose a montalo e case non o dá montado. Empezou a facer probas e non lle saían como quería. E a nós, os nenos e eu, eramos os que estabamos alí para as probas. Saíu un par de veces para facer vodas. Pero non foi capaz porque non tiña paciencia. 


Empecei eu a coller as cousas polo que lle vin facer a el. Fun moi pouquiño a pouco. O que aprendía íame quedando e pasaba a outra cousa. Así fun. E cando tal xa me fixen cunha clientela bastante boa e xa me fun botando, pero en pleno. 

Matilde 2
Matilde, con unha das súas primeiras cámaras.


A COMPETENCIA

Dentro [no estudio] xa traballara algo ben. Pero fóra nunca saíra. Un día veu un chico e díxome que quería unha foto no Entroido, na rúa. Entón, baixei e fíxenlla na rúa. Ao outro día chamoume a Garda Civil dicindo que tiña unha denuncia posta. No cuartel eu non preguntei, pero un cabo díxome que o meu inimigo era o do meu oficio. Eu non estaba documentada para poder traballar. Pero ao día seguinte marchei a Ourense e fun preguntar todo o que facía falta. Nunha semana arranxei todo. E cando chegaron as Primeiras Comunións plantéimelle na Igrexa e el púxose de todas as cores. Os veciños que nos coñecían aos dous fóronme felicitar: “Vaia valente que fuches”.

Gustábame facer de todo. A paisaxe? O que pasa é: que facía eu con facer fotos de paisaxes?, a quen llas vendía?  

A min a fotografía deumo todo. Foi o que traballei toda a vida. A parte que todo me gusta, o máis principal foi a fotografía porque era o que me daba de comer. Arranxei a casa de Xinzo toda, criei aos meus fillos e deilles unha educación... Pero colguei os cacharros cando me xubilei e non volvín coller a cámara. Dixen: “Xubílome, xubílome”.

Gustábame facer de todo. A paisaxe? O que pasa é: que facía eu con facer fotos de paisaxes?, a quen llas vendía?  Inda caro custaba da outra maneira. Estabamos acostumados aos fotógrafos que había daquelas, que ían as festas e facían fotos e fotos, pero non cobraban. Pero, despois, quen llas ían comprar? Ía quen ía... E o mellor aínda chas encargaban e despois non ían por elas. Era unha fatalidade. Moitísimas quedaron. E iso pedíndoas eles. 

Matilde 1
Matilde conserva albúms, máquinas e pezas completas do que foi o seu estudo de fotografía.

MATILDE

Matilde Gándara sacou o carné de conducir (a primeira muller en Xinzo que o fixo) para non ter que depender doutros para traballar. Fíxoo contra o opinión do seu marido. Foi a primeira muller en Xinzo en se divorciar. Fíxoo en canto se puido, pola lei de 1981. Tiña 40 anos e dous fixos. Despois volveu casar. O segundo marido morreu. Agora vive nun casa na chaira da Limia. Con luz e unha paisaxe diáfana no horizonte. Coidando dos seus recordos. E sendo como foi sempre ela cando traballaba, “seria nos tratos e amábel”. 

Agora, ademais, convertérona nunha muller símbolo. Das que non se dan importancia. Ela simplemente vive o tempo que lle toca facendo o que toca cando hai que facelo. Hoxe é isto. Seria nas fotos, amábel, conta a súa vida. A súa casa conta a súa vida. Algún día as casas das mulleres símbolo deixarán de ser museos. 

NOTICIAS A LIMIA | A Matilde non lle gusta saír nas fotos