miércoles. 24.04.2024

O Museo da Limia presentou na mañá deste mércores unha serie de novas publicacións promocionais para difundir a súa actividade. Un tríptico, unha guía didáctica, un pequeno libro sobre a arrancada de Vilar de Santos e un renovado vídeo do museo, compoñen esta actualización. "Isto compleméntase con outras actividades permanentes como son o Premio Pedra Alta ou 'Conversa na taberna', que pretenden achegar todas as temáticas que interesan á xente da Limia", sinalou Sara Ruíz, do Padroado do Museo da Limia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborou na elaboración do tríptico e da guía, onde se fala da asociación LIMIAR e dos órganos reitores do museo, mentres que no vídeo contaron coa participación dos artesáns da entidade que amosaron o seu labor e tamén se poden coñecer as salas deste espazo cultural. A guía é a primeira que elaboran e toda a veciñanza de Vilar de Santos xa ten unha na súa casa, pero non quedará só aí. "A nosa intención é que chegue a todas as zonas posibles, a colexios ou a entidades de turismo. Pensamos que é interesante para dar a coñecer un pouco máis o descurso que queremos transmitir dende o museo, que vai do local ao global e resaltando a nosa identidade", explicou Ruíz.

Guía do Museo da Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.
Guía do Museo da Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

O vídeo, o tríptico e a guía didáctica foron elaborados por Xeitura Coop-xestión Integral do Patrimonio e a publicación. Por outro lado, o número 14 da Revista Lethes sobre “A arracada de Vilar de Santos. A forma e o simbolismo” estivo a cargo de Bieito Pérez Outeiriño, onde presentou a singularidade desta peza castrexa tan significativa para a identidade vilarsantesa e galega

Durante o mes de xaneiro, o Museo da Limia permaneceu pechado por mantemento e agora reabre as súas portas con proxectos para o 2023, despois de obter unha boa acollida das novidades engadidas o pasado ano. "Cando unha entidade, como é LIMIAR, se incorpora a proxectos como museos sempre acaba dando os seus froitos e, no noso caso, foron bastante visibles", apuntou Ruíz.

Un dos exemplos é o obradoiro de cestería que ofreceron o pasado ano, que cuatriplicou o seu cupo inicial de participantes. "Isto amosa que a xente da comarca e de fóra demanda coñecer os oficios artesáns", engadiu. Ademais, a entrega do Premio Pedra Alta congregou a un gran número de persoas e demostrou a súa importancia na Limia.

Revista Lethes sobre a arrancada. | FOTO: Noelia Caseiro.
Revista Lethes sobre a arrancada. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Colaboración con empresas

Antón Jardón, coordinador do Museo da Limia, adiantou algúns dos proxectos nos que están a traballar para este 2023. "A idea é que empresas vinculadas ao territorio agasallen aos seus clientes con entradas para o museo", explicou. Jardón sinalou que xa falaron con algúns empresarios que se mostraron "moi predispostos" a participar, con negocios de Vilar de Santos ou de xente da localidade que teñen as súas empresas en Xinzo ou en Ourense.

NOTICIAS A LIMIA | O Museo da Limia estrea publicacións promocionais para difundir a...