lunes. 07.10.2024

Este sábado pola tarde, o patio do Museo da Limia en Xinzo de Limia acolleu un emotivo acto de entrega do Premio Literario Antón Tovar. Máis de medio cento de persoas asistiron á cerimonia, que contou coa presenza de destacadas figuras da cultura galega.

Anxo Rei, cantautor que musicou poemas de Tovar; Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia; Luis A. Pousa, director de Tempos Novos, que publicará a obra gañadora; Conchita Rúa, presidenta do Xurado do certame literario; Valeria Gutiérrez Caneda, gañadora do certame, e Tomás Ares, director de Tesal S.L., patrocinador.
Anxo Rei, cantautor que musicou poemas de Tovar; Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia; Luis A. Pousa, director de Tempos Novos, que publicará a obra gañadora; Conchita Rúa, presidenta do Xurado do certame literario; Valeria Gutiérrez Caneda, gañadora do certame, e Tomás Ares, director de Tesal S.L., patrocinador.

O certame literario, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monção (Tesal Explotación S.L.), premiou a obra "Tanto camiñei, camiñei tanto" da autora Valeria Gutiérrez Caneda. O galardón inclúe un bono para unha fin de semana en pensión completa no Hotel Bienestar Termas de Monção, en Portugal, así como a publicación do texto na revista Tempos Novos.

O presidente do Padroado do Museo da Limia e coordinador da Antoloxía poética de Tovar (Xerais, 2023), Delfín Caseiro, destacou a relevancia da obra do poeta da Pereira. A Xunta Directiva da asociación reiterou a súa petición de que a Real Academia Galega dedique o Día das Letras de 2025 a Antón Tovar.

Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia, dirixíndose ao público.
Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia, dirixíndose ao público.

O evento tamén contou coa participación dos alumnos e alumnas do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga, que recitaron o poema "Eu", incluído no libro "O vento no teu colo". A música estivo presente grazas ao cantautor valdeorrés Anxo Rei, quen compuxo a música para dez poemas de Tovar, reunidos no disco "A rabela da pluma".
 

Alumnos e alumnas e Xela Fernández, directora do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga, que recitaron poemas de Tovar.
Alumnos e alumnas e Xela Fernández, directora do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga recitaron poemas de Tovar.

A creación poética e narrativa de Antón Tovar, caracterizada pola súa autenticidade e alta calidade literaria, segue a estar vixente nos nosos días. O Museo da Limia, comprometido co legado creativo do autor ourensán, continúa promovendo iniciativas para difundir a súa obra e demandar o recoñecemento merecido na cultura galega.

Valeria Gutiérrez recibe o galardón Antón Tovar do Museo da Limia