viernes. 13.12.2024

Coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro 25 de novembro celebrarase o acto de entrega do Premio Pedra Alta que concede o Museo da Limia como recoñecemento a persoas ou entidades cun labor en prol das Terras do Limia. Nista edición, a sexta, o premio foille concedido a Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño.

Na persoa de Amalia Gómez, o Padroado do Museo da Limia rende unha homenaxe a todas as mulleres que contribuíron ó desenvolvemento da comarca. "Con esta elección queremos render homenaxe ás nosas avoas e ás nosas nais, ás mulleres que se enfrontaron á adversidade na nosa Limia, unha obriga do Museo da Limia que non debía demorar máis", subliñan dende a entidade.

Hai arredor de 70 anos, Amalia Gómez Manso foi quen de transformar unha taberna de aldea nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia

O actor Sergio Pazos será o encargado de facer o discurso dos méritos de Amalia Gómez Manso, nun acto que se celebrará o sábado 25 de novembro, coincidindo co día que celebra a erradicación da violencia contra as mulleres. A xornada comezará cunha visita ó Museo da Limia, ás 11:15 horas, e continuará no salón multiusos do concello de Vilar de Santos coa entrega do premio.

padroado museo da limia
Membros da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia.

O acto comezará ás 12:00 horas coa lectura do manifesto do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a cargo da asociación de mulleres Arracada, de Vilar de Santos. A continuación, Amalia Gómez Manso recollerá o Pedra Alta 2023; un diploma de recoñecemento e a réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, aportación altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira.

Como en pasadas edicións, non faltará a música, a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldemoro Pavón. Un evento no que se fará entrega dos carnés de amigos do museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran co Padroado do Museo da Limia nos actos de entrega do Premio Pedra Alta. A celebración concluirá cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás.

NOTICIAS A LIMIA | Premio Pedra Alta 2023, unha homenaxe ás mulleres da Limia