martes. 08.10.2024

O Concello de Xinzo de Limia considera que o exemplar, coñecido como catalpa, pode ser un bo representante no rexistro da Xunta de Galicia, xa que non se coñecen na comunidade outras árbores de dimensións tan sobresaíntes. 

Polo seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental son moitas as reliquias botánicas que conforman o Catálogo galego de árbores senlleiras, que pronto podería incluír unha especie do parque do Toural de Xinzo, grazas a solicitude que fixo o Concello da vila. 

Tal e como establece a Consellería de Medio Ambiente, terán consideración de senlleiras as árbores ou formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección, en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera circunstancia que as faga merecedoras dunha protección especial.

O seu nome vén dado polas vaíñas colgantes

Aqueles que visiten o parque do Toural, recoñecerán o exemplar por ter o fuste inclinado e presentar cicatrices de actuacións de poda realizadas no pasado. A súa copa é redondeada e aberta. A codia é de cor gris clara nas ramas novas, e gris escura no tronco e nas pólas vellas.

Tamén destacan as súas vistosas follas, de forma variable, pero normalmente acorazonadas e de bordo enteiro, de cor verde brillante e ásperas ao tacto. Quizais o aspecto máis relevante sexa o tamaño destas, xa que poden superar os 20 centímetros de largo.

As flores da catalpa, que agora pretende engrosar o catálogo da Xunta, son moi vistosas, de cor branca e manchadas de amarelo e violeta, acadando os tres centímetros de largo. Outro aspecto que chama a atención desta árbore son os seus froitos, alargados e verdes primeiro, e colgantes e marrón-negro cando maduran. Son características as súas vaíñas colgantes, que lle dan nome a este árbore das trompetas.

Hai que destacar que as árbores e formacións singulares que se inclúan no catálogo, consideraranse protexidas para todos os efectos, o que supón a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, á súa apariencia e á súa saúde. Estes exemplares posuirán unha protección legal que tamén lle afectará ó seu ámbito inmediato.

Elaboración dun estudo especializado

Esta proposta para incluír no catálogo galego a catalpa do parque do Toural, forma parte dun plan do Concello de Xinzo para pór en valor os espazos verdes. Cómpre recordar que con motivo da celebración do Día da Árbore, entregáronse 60 exemplares ás Anpas dos dous CEIPs da vila.

Ademais, isto súmase ó traballo de saneamento e plantación de novas árbores, que o Concello lle encargou a un doutor en investigación agraria, e a unha enxeñeira forestal; que empezou cun exhaustivo estudo da saúde das distintas especies arbóreas do municipio. Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo de profesionais nesta materia, estanse acometendo as accións de saneamento e mantemento das distintas especies, despois de anos e anos sen asesoramento especializado.

NOTICIAS A LIMIA | Unha árbore do Parque do Toural aspira a entrar no catálogo de...