A Plataforma Loita Pediátrica da Limia organizou este mércores un acto de homenaxe ao doutor Luís, pediatra do centro de saúde de Xinzo, que se xubila tras décadas de servizo entregado á infancia da comarca. O recoñecemento incluíu a entrega dun emotivo libro de debuxos elaborados por nenos e nenas de toda A Limia, nunha iniciativa que contou coa participación dos colexios e das ANPAS da zona.
O libro, que tamén inclúe testemuños de numerosas familias, simboliza o afecto e o respecto da comunidade cara ao doutor Luís, cuxa traxectoria profesional deixou unha fonda pegada en varias xeracións. "Foi moito máis que un pediatra; foi un referente de humanidade e compromiso", destacaron dende a Plataforma.

Durante o acto, a Plataforma Loita Pediátrica da Limia aproveitou para lembrar a súa orixe e renovar o seu compromiso coa defensa da sanidade pública. Nacida no outono de 2023, a plataforma xurdiu como resposta á situación crítica que atravesaba a atención pediátrica na comarca, onde máis de 1.700 menores eran atendidos por un único especialista. Denuncian que mentres a atención pública se deterioraba, a Consellería de Sanidade desviaba recursos cara á sanidade privada.

A mobilización veciñal e a presión social foron determinantes para lograr unha mellora na atención pediátrica. Tras a xubilación do doutor Luís, conseguiuse manter dous pediatras no centro de saúde de Xinzo, un avance que a plataforma cualifica como "un triunfo da unidade e da loita colectiva".
A entidade insiste en que a súa actividade continuará: "A loita non remata aquí. Seguiremos vixiantes para que se garantan servizos sanitarios públicos, dignos e accesibles para todas as familias, vivan onde vivan", concluíron.