jueves. 30.07.2026

O presidente da Deputación de OurenseLuis Menor, realizou este mércores un balance dos tres primeiros anos de mandato nun acto celebrado no Pazo de Vilamarín, onde reivindicou os avances acadados polo Goberno provincial e asegurou que a institución se consolidou como "a máis social e municipalista", situando a colaboración cos concellos como eixo das súas políticas.

Luis Menor, acompañado polos membros do equipo de Goberno, repasou as principais actuacións desenvolvidas desde 2023 e destacou o compromiso da institución coa protección do patrimonio ourensán. Neste sentido, referiuse tamén á Ribeira Sacra, mostrando a súa confianza en que 2027 sexa o ano no que consiga o recoñecemento como Patrimonio Mundial, tras a decisión de reforzar a candidatura con maior documentación sobre os seus valores culturais e ambientais.

No apartado económico, o presidente provincial destacou o incremento do 21,44 % do orzamento da Deputación, que alcanza os 110,5 millóns de euros, así como un financiamento directo aos concellos superior aos 103,2 millóns de euros, dos que 19 millóns corresponden ao Plan CooperOU.

Durante a súa intervención tamén criticou as actuais regras fiscais, asegurando que obrigaron á Deputación a inmobilizar 3,5 millóns de euros, malia tratarse, segundo indicou, dunha administración "saneada e con débeda cero".

En materia de fondos europeos, explicou que a institución participou en preto de medio cento de proxectos cun investimento superior aos 67,1 millóns de euros, dos que xa xestiona ou ten en execución arredor de 30,7 millóns.

Entre as actuacións máis destacadas citou os Plans de Actuación Integrados (PAI) de Valdeorras e Ourense Sur, cun investimento previsto superior aos 14,5 millóns de euros, así como o PERTE da auga, dotado con máis de 16,3 millóns, que permitiu instalar 65.000 contadores dixitais en 79 concellos.

No balance da colaboración institucional, Menor afirmou que a Deputación é a administración provincial galega con máis acordos coa Xunta de Galicia, comprometendo máis de 13,2 millóns de euros en actuacións conxuntas.

Entre elas destacou os 4 millóns de euros destinados ao plan de regadío da Limia, preto de 4 millóns para a prevención de incendios3,4 millóns para crear máis de 400 prazas en centros de maiores3,6 millóns para finalizar o Parque Acuático de Monterrei e 440.000 euros para modernizar as prazas de abastos da provincia.

No ámbito das infraestruturas, sinalou que a Deputación destinou 25,5 millóns de euros á conservación e mellora dos 1.850 quilómetros de estradas provinciais, unha cifra que contrasta cos 1,5 millóns investidos en 2023.

Tamén destacou a resposta da institución ante os incendios forestais, as inundacións e as riadas rexistradas na provincia, así como o servizo provincial de recollida de residuos, que presta cobertura a 60 concellos e beneficia a preto de 140.000 habitantes.

En materia de vivenda e política social, Luis Menor asegurou que se consolidou un novo modelo de cooperación territorial mediante unha liña de subvencións superior aos 5,4 millóns de euros. O Plan Provincial de Vivendaincrementará a súa dotación ata os 1,5 millóns de euros, incorporando tamén actuacións para apoiar aos concellos na identificación e regularización de inmobles abandonados ou en estado ruinoso.

A Deputación incrementou ademais nun 50 % as axudas para adaptar vivendas de persoas maiores, elevou máis dun 70 % o financiamento destinado ao terceiro sector e puxo en marcha unha nova liña de apoio á gandería dotada con 350.000 euros.

Segundo explicou o presidente provincial, desde 2024 investíronse máis de 13 millóns de euros nas políticas sociais da institución. Entre as actuacións destacou o crecemento do programa BenOurense, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, que xa chega a 91 concellos e atende a máis de 1.100 persoas, así como a teleasistencia gratuíta para máis de 3.000 usuarios. Tamén salientou a Tarxeta ChegOU, que mobilizou máis de 1,2 millóns de euros en axudas á natalidade.

Outro dos piares da intervención foi o termalismo, que definiu como un dos sinais de identidade da acción de goberno da Deputación. Neste apartado lembrou que o programa de Termalismo Social beneficiou a preto de 28.000 persoasdurante os seus once anos de funcionamento, xerando un impacto económico superior aos 7,5 millóns de euros nos balnearios participantes.

O presidente tamén repasou as políticas de promoción económica, facendo referencia aos programas EmprendOU en feminino e ExportOU, á ampliación do solo empresarial na provincia e ao compromiso de redactar o proxecto da futura estación de mercadorías ferroviarias de San Cibrao das Viñas.

No ámbito turístico destacou o impulso ao agroturismo, aos ecoaloxamentos, ao turismo familiar, aos entroidos tradicionais e aos camiños xacobeos, especialmente á Vía da Prata, ademais do desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, que conta con 140 servizos acreditados.

A transformación dixital foi outro dos eixos abordados durante o balance, coa posta en marcha de proxectos como a Oficina Única Virtual de Atención á Cidadanía (OUVAC), o Plan Director de Intelixencia Artificial, actuacións de ciberseguridade para os concellos e a futura Oficina Técnica de Destino Turístico Intelixente.

No apartado cultural, Luis Menor destacou a consolidación do OUFF, que reuniu máis de 15.000 espectadores, a actividade do Centro Cultural Marcos Valcárcel, con preto de 40.000 asistentes, os 144 espectáculos programados no Teatro Principal e o récord histórico de matrícula da Escola de Artes e Oficios, con 275 alumnos.

En materia deportiva, o presidente provincial puxo en valor os programas desenvolvidos en 91 concellos, con máis de 6.200 participantes, as Copas Deputación, que reúnen preto de 20.000 deportistas, e un investimento superior aos 7,2 millóns de euros para modernizar instalacións deportivas, incluíndo a remodelación de nove campos de fútbol.

Luis Menor asegurou tamén que durante estes tres anos visitou oficialmente o 90 % dos concellos da provincia e participou en preto de 4.300 actos institucionais.

De cara ao último ano de mandato, avanzou novos obxectivos como elevar o Plan CooperOU ata os 20 millóns de euros, reforzar a captación de fondos europeos, completar o PERTE da auga coa creación do centro AquaOU, impulsar unha oficina técnica de turismo intelixente, desenvolver novas ferramentas de intelixencia artificial para os concellos e preparar a provincia para o Ano Xacobeo 2027.

Segundo concluíu o presidente provincial, o obxectivo continuará sendo "seguir facendo provincia", mantendo a colaboración cos concellos e reforzando os servizos públicos e o desenvolvemento do territorio.

Luis Menor reivindica tres anos de mandato cun investimento histórico na provincia |...