miércoles. 29.07.2026

O Concello de Xinzo de Limia celebrará entre o 31 de xullo e o 2 de agosto a VIII edición do Festival Internacional de Bandas de Gaitas "Vila de Xinzo", unha cita que converterá a vila nun punto de encontro para agrupacións de Galicia, Asturias e O Bierzo, cun programa que combinará música tradicional, desfiles e concertos.

Nesta edición participarán a Banda de Gaitas Xinzo de Limia, a Banda de Gaitas Nova Fronteira, a Escola de Gaitas de Ortigueira, a Banda Gaites Villaviciosa "El Gaiteru" e a Banda de Gaitas Vega de Espinareda. O cartel completarase coa actuación do grupo folk BÖJ e coa animación da Charanga Achicoria.

A programación dará comezo o venres 31 de xullo coa actuación da Banda de Gaitas Nova Fronteira ás 20.00 horas. Ás 21.00 horas será a quenda da Banda Gaites Villaviciosa "El Gaiteru", mentres que a partir das 22.30 horas a Charanga Achicoria percorrerá as rúas da vila. Ás 23.30 horas ambas formacións ofrecerán unha actuación conxunta e a festa continuará desde as 00.30 horas coa música da Charanga Achicoria.

sábado 1 de agosto comezará ás 13.00 horas coa actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira xunto á Banda Gaites Villaviciosa "El Gaiteru". Xa pola tarde, ás 18.30 horas, actuarán a Escola de Gaitas de Ortigueira e a Banda de Gaitas Vega de Espinareda. Ás 19.15 horas celebrarase no Museo Galego do Entroido o acto institucional coa participación de todas as bandas, antes do tradicional desfile, previsto para as 19.45 horas. Os concertos centrais do VIII Festival Internacional de Bandas de Gaitas "Vila de Xinzo" darán comezo ás 20.30 horas, mentres que ás 00.00 horas será a quenda do concerto do grupo folk BÖJ.

A programación concluirá o domingo 2 de agosto coa actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira, ás 12.45 horas, seguida da Banda de Gaitas Vega de Espinareda, ás 13.30 horas.

Con oito edicións ás súas costas, o Festival Internacional de Bandas de Gaitas "Vila de Xinzo" consolídase como unha das citas destacadas do verán na comarca, reunindo formacións de diferentes territorios arredor da música tradicional e da cultura popular.

Tres días de música e tradición no VIII Festival Internacional de Bandas de Gaitas...