O BNG de Xinzo conmemorou este Día da Patria Galega cun vermú na Torre de Pena, nun acto que combinou patrimonio, memoria, natureza e compromiso co futuro da comarca.
Máis de medio cento de persoas achegáronse ata un dos miradoiros máis emblemáticos da Limia para participar nesta xornada e festexar, en palabras do portavoz nacionalista Camilo Vila, "un día de amor e valor".
Conducido por Manuel Pozo, o acto contou coa participación de figuras recoñecidas na Limia como Manolo Seoane, Samuel Formoso e Anxo Suárez. Camilo Vila e Mirian Opazo foron os encargados de abrir e pechar, respectivamente, unha cita que o BNG cualifica como unha mostra da consolidación e da forza da organización na comarca.
Na súa intervención, Manolo Seoane, Xiri, realizou un percorrido histórico da Torre de Pena, unha fortaleza medieval que hoxe constitúe un dos símbolos da comarca ao ser irmá das torres da Forxa, do Castro e de Celme. Seoane destacou o papel estratéxico deste enclave e como a súa historia reflicte as loitas nobiliarias que marcaron o devir da Limia.
Pola súa banda, Samuel Formoso centrou a súa intervención na defensa do patrimonio natural baixo a idea de que "non defendemos o que non coñecemos", para construír unha proposta moderna, ambiciosa e sustentable para a Limia, unha comarca que, segundo expuxo, ve ameazado o seu principal valor: a auga. Formoso defendeu que é posible compatibilizar desenvolvemento e respecto polo medio sen regresar ás condicións de vida do pasado.
Anxo Suárez, veciño de Morgade, achegou a perspectiva da memoria popular. Lembrou que "o desaugue da lagoa axudou a combater a fame, que era moita" e reivindicou a importancia de que todas as xeracións coñezan o territorio para comprender a súa evolución e garantir unha convivencia produtiva e o seu futuro. A súa intervención estivo acompañada dunha escolma de microtopónimos como Os Chairos, O Claro Grande ou O Silveiriño, exemplos dun patrimonio lingüístico que describe e preserva a identidade da paisaxe limiá.
Camilo Vila aproveitou a súa intervención para insistir na necesidade de planificar a acción municipal e lamentou o estado de abandono da propia Torre de Pena, tanto desde o punto de vista da conservación da súa contorna natural como da posta en valor e interpretación do seu patrimonio.
O peche do acto correu a cargo de Mirian Opazo, que reivindicou o papel da xente do común na construción dunha Galicia soberana, con dereitos e comprometida coa paz. Na súa intervención lembrou que a identidade colectiva constrúese desde a participación, a memoria compartida e a defensa dos valores democráticos, especialmente nun contexto internacional no que a paz e os dereitos se atopan ameazados.
A homenaxe institucional no Parque de Galicia
Previamente aos actos organizados polo BNG, a corporación municipal de Xinzo de Limia participou na xa tradicional ofrenda floral no Parque de Galicia, un acto institucional co que cada ano se conmemora o Día de Galicia e que serviu para abrir a xornada conmemorativa antes da celebración desenvolvida posteriormente na Torre de Pena.
