lunes. 27.07.2026

Asociación Cultural Civitas Limicorum de Xinzo de Limia participou esta fin de semana nos actos do 40º aniversario da festa Astures y Romanos, celebrada en Astorga, cunha ampla representación de galaicos e romanos desprazados ata a localidade leonesa.

A presenza da entidade limiá serviu para reforzar a irmandade existente entre Astures y Romanos e a Festa do Esquecemento, dúas celebracións que comparten un modelo organizativo baseado no traballo das asociacións culturais, que asumen un papel protagonista na organización dos seus respectivos eventos.

Durante a fin de semana, a delegación integrouse nas distintas actividades programadas nun ambiente de convivencia entre recreadores históricos. No apartado institucional, a asociación estivo representada pola tesoureira, Ana Lozano, e polo secretario, Carlos González, que participaron na recepción oficial ás tropas estranxeiras e aos convidados organizada pola asociación anfitrioa.

Desde a directiva da Civitas Limicorum destacaron que “Para nós é un orgullo acompañar a Astorga nunha data tan sinalada. Compartimos con eles non só o amor pola recreación histórica, senón tamén o reto e a paixón de sacar adiante grandes eventos desde o traballo altruísta das asociacións culturais”.

A entidade tamén trasladou o seu agradecemento á organización de Astures y Romanos e ao Concello de Astorga pola hospitalidade recibida e por catro décadas mantendo viva a historia nas rúas. Con esta visita, ambas asociacións reiteran o seu compromiso de continuar colaborando na posta en valor do patrimonio histórico común.

A Civitas Limicorum reforza en Astorga a irmandade entre as dúas grandes recreacións...