martes. 04.08.2026

A Xunta de Galicia destinará máis de 4 millóns de euros á mellora, acondicionamento e construción de novas infraestruturas na base de medios aéreos contra incendios de Antela, situada no concello de Sandiás. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen avanzou que as obras comezarán este mesmo ano e está previsto que rematen a finais de 2027.

Rueda destacou que o Goberno galego leva tempo traballando tanto na prevención como no reforzo dos medios de extinción, co obxectivo de modernizar unhas instalacións que contan con 30 anos de antigüidade. Entre as actuacións previstas figuran a construción dunha nova pista de aterraxe, a mellora dos accesos e un novo edificio destinado ás tripulacións e pilotos.

Coa execución deste proxecto, a base de Antela poderá albergar ata seis avións de loita contra os incendios con carga en terra, incrementando así a súa capacidade operativa.

As actuacións enmárcanse no proxecto Cilumes Interopera e están cofinanciadas nun 75 % polo programa europeo Interreg Poctep de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal.

No caso da nova pista de aterraxe, os traballos incluirán o acondicionamento do terreo, movementos de terras, creación de firmes e pavimentos, ademais do drenaxe e da sinalización correspondente.

O novo edificio para as tripulacións contemplará a execución da cimentación, estrutura metálica, fachadas e particións interiores, así como revestimentos, pavimentos, falsos teitos e a instalación dos sistemas de climatización, electricidade e fontanería.

A actuación completarase con novas infraestruturas exteriores, entre elas depósitos de auga e retardantes, un novo peche perimetral, iluminación, equipos de bombeo, un cuarto de mantemento, unha pérgola de aparcamento, sirena, antenas e un pozo de captación que abastecerá os depósitos, entre outros elementos.

Esta intervención forma parte da planificación da Consellería do Medio Rural para mellorar as infraestruturas de prevención e extinción de incendios forestais, especialmente a rede de Bases de Unidades Operativas (BUO) e as bases de medios aéreos.

Neste marco, a Xunta prevé investir 5,61 millóns de euros entre os anos 2025 e 2026 para construír ou reformar cinco instalacións situadas en Lalín, Valga, Portas, Tui e Sandiás. Estas actuacións dan continuidade ás realizadas en 2024, cando se executaron as BUO de Muíños, Rianxo e Mondoñedo, así como a base de medios aéreos transfronteiriza de Verín-Oímbra e a adecuación da base de San Xoán de Río.

A base de medios aéreos de Antela terá capacidade para operar con seis avións en 2027 |...