lunes. 09.12.2024

A Escola de Música da Limia (ESMULI) está a piques de comezar un novo curso. O 4 de setembro iniciaranse as clases e, nesta ocasión, será cun novo director. Raúl Pérez, profesor de óboe e linguaxe musical na escola, toma a dirección para seguir traballando e medrando. As persoas que queiran formar parte da ESMULI xa poden matricularse aquí e poderán escoller entre a súa ampla oferta educativa.

 

Cales son os obxectivos da ESMULI para o curso que vai comezar?

Queremos traballar na democratización da música, que poida chegar a toda a xente. Faremos fincapé en que na ESMULI temos a persoas de moitas xeracións, dende xubilados ata nenos moi pequenos. Vémolo como unha riqueza da que nós dispoñemos, xa que noutro tipo de formacións custa máis que a xente maior poida acceder. Ademais, tamén desexamos convidar ás familias a que vexan este espazo como un sitio de convivencia e de conciliación no que pasar tempo tanto cos seus fillos como con pais doutros cativos. As aulas son un lugar de xuntanza e iso xa o tivemos no curso pasado, con algún pai que se apuntou e foi a clase co seu fillo. Pasábano pipa.

Cal cre que é a razón de que lles coste unirse?

O que pasa moitas veces é que lles gusta a música, pero pensan que non son capaces de aprender sobre ela. Isto ocorre especialmente coas persoas maiores, pero se un neno é capaz de aprender, eles tamén. Queremos quitar ese prexuízo cara as cousas académicas, como a música, para que os que desfruten con ela, poidan tocala.

Que agardan en canto a matriculacións este ano?

O importante é que se manteña o número de alumnos e, se podemos ter máis, mellor. Hai que crear adherencia e que a xente o pase ben dentro dun espazo relaxado. Isto non é colexio, con notas e onde todo é máis serio. Aquí cada un vai ao seu ritmo, no grupo que mellor se adapte ao teu nivel. Non é unha competencia e, no fondo, todos imos acabar no mesmo sitio, que é a banda, onde todos somos iguais.

Queremos traballar na democratización da música, que poida chegar a toda a xente, dende xubilados ata nenos moi pequenos

Contan cunha oferta educativa moi variada. Que destacaría dela?

Temos unha gran oferta, pero queremos focalizarnos un pouco nos instrumentos máis representados na banda. Queremos crear canteira para a propia Agrupación Musical da Limia. Por outro lado, o profesorado depende das matrículas e, se a xente non se apunta a un instrumento, esa especialidade vai desaparecer. Parécenos que iso é unha pena, porque temos algunhas especialidades que non se ofertan no Conservatorio de Xinzo. Acceder a algúns instrumentos como o meu, o óboe, ou o fagot, pódelo facer través da nosa escola. Non condicionamos a decisión dos alumnos, pero si lles facemos recomendacións á hora de escoller un instrumento no que poidan ter máis proxección.

De cantos profesores dispoñen para impartir as clases?

Temos un profesor para cada especialidade, pero vai depender do número de alumnos por cada unha delas. Estamos agora en plena matriculación para iniciar o curso e aqueles que estén interesados xa poden anotarse, canto antes o fagan, mellor. Axudaríanos moito para organizar todo o que precisemos. Ademais, ao longo do curso tamén se poden matricular, pero estarían máis condicionados polos recursos dos que dispoñamos.

A que se debeu a decisión de que vostede ocupe o cargo de director da escola?

Estase apostando pola descentralización, que non acabe todo na responsabilidade dunha única persoa. Antes era José Luis Tielas o que andaba por todas partes e agora o que se busca é que non remate todo nel, que haxa varias persoas encargadas das cousas. No caso de asumir a dirección da escola pensaron que eu era o máis axeitado. Isto é unha gran responsabilidade, pero aínda o é máis levar todo. É algo complicado e esta descentralización vai ser moi boa, axudándonos a todos a ir máis lixeiros para ofrecer unha escola de maior calidade.

Estase apostando por unha descentralización, que non acabe todo na responsablidade dunha persoa. Isto vai ser moi bo para ofrecer unha escola de maior calidade

Xinzo é unha localidade na que hai moito interese pola música. Cal é a súa percepción?

Si, moitísimo. Na escola temos a Chikiband, a nosa banda infantil, que non para de gañar concursos e premios. A xente está moi implicada e, neste caso os nenos, sempre veñen con moitas ganas e pásano moi ben. Queremos que isto sexa o que chegue a outros nenos tamén.

ENTREVISTA | Raúl Pérez: "A ESMULI pode ser un espazo de convivencia e conciliación...