José Manuel Gómez (Alemaña, 1968) é o presidente da asociación de empresarios do polígono industrial de Xinzo de Limia, colectivo que reúne a unhas 40 empresas, con preto de 400 traballadores, e que se constituíu a finais do 2018. “Lémbrome perfectamente, fixemos a asociación porque viñera Ánxeles Vázquez, a conselleira de Territorio, e dixéranos que se constituíamos unha asociación virían uns cartos para rematar o asfaltado dunha das fases do polígono. Foron 103.000 euros, serviu para rematar o asfaltado da primeira fase. Inaugurou esa obra Elvira Lama”.
Como pasaron os empresarios do polígono a pandemia?
Pasámolo mal. A maioría das empresas que se asentan neste polígono son empresas pequenas, salvo o Mercadona. Saímos adiante a base de moito sacrificio... ás veces penso que foi incríbel que deramos superado aquilo.
Cal foi o papel das Administración nestes anos?
Botamos de menos o apoio do goberno municipal de Xinzo. Ao principio parecía que viñan con moitas ganas. Mais fóronnos deixando de lado. E iso que o que pediamos eran cousas moi básicas. Por poñer un exemplo. A Deputación adecuou unha estrada próxima ao polígono, e viñeron tirar aquí o entullo... a unha parcela do Concello de Xinzo. Chamei á alcaldesa. Dixo que cando remataran, virían limpar. Aí seguen os restos. Tamén lle pedimos que de cando en cando manden limpar as beirarrúas. Aí están, cheas de herbas. Creo que nos tres anos e pico que leva este cuatripartito, virían limpar dúas veces. Acabaremos por denuncialo diante de quen corresponda se non se lle pon solución.
As luminarias xa chegaron.
Levabamos tres anos esperando por elas. Aínda lle faltan algunhas luminarias. Esperemos que terminen. Pero hai outra cousa pola que levamos esperando máis tempo...
Cal é?
A sinalización. Conseguimos que se puxera o cartel da entrada. Cos nomes das rúas. Pero nas rúas non están os nomes. Que fixemos? Comprar nós mesmos, a asociación, as sinais. Esperamos a que viñese o arquitecto municipal indicar onde había que colocalas. Pedimos a autorización ao Concello de Xinzo en xullo de 2021. Non temos resposta.
Está anunciada unha ampliación do polígono. Que esperan dela?
Hai demanda de parcelas. Aquí ao lado da miña nave están levantando unha para un taller de coches. Viñeron non hai moito as Ambulancias do Carme. Tamén están rematando un ximnasio xunto ao local do pádel. Está a piques de abrir. Está tamén o bazar chinés... No polígono actual xa case non quedan naves para alugar. A respecto da ampliación, nunha das reunións nas que participamos, dixeron que a finais deste ano terían as obras feitas. Mais non empezaron.
Mais haberá empresas que xa demandaron espazo na ampliación?
Iso está en mans de Xestur e do Concello de Xinzo. Sabemos que hai reservas. Que quería instalarse unha empresa do sector da construción. Xestur quere que estea todo vendido a empresas que se veñan a instalar, para evitar especuladores. O último do que temos noticia é que non está decidido o prezo por metro.
Que lles parece o proxecto?
Estamos á expectativa... desde hai catro anos. Do proxecto que está enriba da mesa, entre outros defectos sobre os que chamamos a atención, non une os dous polígonos. É dicir, teremos que comunicarnos pola estrada de Morgade. Existe o compromiso de, unha vez que se rematen as obras do novo polígono, comunicar directamente os dous.
Cando?
Esperemos que as obras da ampliación estean rematadas para o próximo verán.
Que fixemos? Comprar nós mesmos, a asociación, as sinais. Esperamos a que viñese o arquitecto municipal indicar onde había que colocalas. Pedimos a autorización ao Concello de Xinzo en xullo de 2021. Non temos resposta.
A gran parcela segue a ser a da vidreira?
Ben, agora volve estar en uso. Está divida a metade e unha parte é utilizada por un almacén e a outra, por unha empresa de loxística. Despois de pechar a vidreira, mantiveron aí un garda de seguridade. Sabemos que se lle ofreceu ao Concello a cambio dos gastos que ocasionara, e que o Concello puidese alugala ou facer uso dela. Non lles interesou. En calquera caso, hai outras empresas que ocupan varias parcelas. Mercadona ocupa dúas, pero Xinzo Wood Flooring ten cinco, as mesmas que as Ambulancias do Carme; e Patacas Conde, tres.
Que lle gustaría á asociación que pasase no futuro deste polígono?
Primeiro, que houbese unha comunicación fluída co goberno municipal. Non lle estamos pedindo que invistan, só reclamamos cousas razoábeis, como o asunto da limpeza das rúas e das beirarrúas. Tamén nos gustaría que se promocionase o polígono e as empresas que estamos aquí. En Xinzo teriamos que ser máis unidos, porque Xinzo resiste mellor que a maioría de vilas da provincia. Pero tendemos a criticar moito, a pensar que deberiamos ir máis rápido...
En determinado momento tamén propuxemos a instalación dun tanatorio municipal. Hainos noutros polígonos. O concelleiro de Promoción Económica, Pérez Campos, botouse a rir.
Debería ter mellor disposición o goberno local?
Debería. Non sei, para min habería que reunirse periodicamente. Que o Concello de Xinzo empuxase. Este polígono teno todo: sitio chan, fácil de construír, ao lado da autovía, máis aínda, temos o tren, o enlace, en Vilar de Barrio... Caramba! Habería que preocuparse un pouco.
Parece que na diagnose de que o polígono é unha oportunidade coincide todo o mundo. Por que non se aproveita?
Por nós non será. Levamos anos detrás deste goberno, pero non nos queren. Puxen o exemplo das sinais, algo moi sinxelo. Hai máis, esta asociación non ten un local onde dar formación, onde ter unha sala de reunións... Pensamos nun edificio pequeno. Pedímolo. Nada. En determinado momento tamén propuxemos a instalación dun tanatorio municipal. Hainos noutros polígonos. O concelleiro de Promoción Económica, Pérez Campos, botouse a rir.