jueves. 25.04.2024

En Boado hai futuro, orgullo, auga e literatura. E o día da festa, este sábado pola tarde despois dos gaiteiros na praza onde o cruceiro, algunhas veciñas e veciños reúnense para participar nun acontemento que dá conta de todo iso. Están as cativas xunto as veciñas e os veciños máis vellos. Eles contaron a historia e elas encárganse de lle dar voz. Así se transmiten os contos. "Non é unha historia de Boado", advertiu o Camilo, compilador das historias, "son historias de Boado". Anacos de vida adheridos no tempo. Reunidos en Boado nun libro, o acontecemento. A memoria da auga. O fío que permite rescatar o orgullo de ser, vivir e sentir este rural galego tan abandonado, tan descoñecido. Este que se resiste a deixarse matar e abrolla en calquera fonte que parecía seca agora que hai menos auga e menos de todo; menos xente, menos forza, menos paciencia.

O rural, para se defender, tivo sempre unha arma. E de cando en vez aparece alguén nas aldeas que levanta un libro como se levantara aquela fouce. O que fomos, o que somos está neses contos que esta tarde fría de verán, entre o vento que bate sempre na Limia, unhas nenas que xa non se chaman igual que as avoas van lendo na praza onde o cruceiro.

O CARRO DO RUBIO (relato no libro)
A noiteboa ten sido escenario de contos emblemáticos da historia boadesa pero posiblemente ningún alcance o sufrido pola familia do tío Camilo Rubio cando se ergueu un 25 de decembro e botou en falta o carro na casa. Despois de andar na súa procura foi dar con el ó Pozo da Entrada, no fondo da Carreira dos Porcos. A historia non tería máis aquel se non fora porque non houbo maneira de sacalo e cumpriu esperar a que chegara o vrau e o pozo secara para poder recuperalo. Malia todo, a familia afectada asumiu con deportividade e resignación a desmesurada trastada cunha única condición: se pudría, tiñan que pagar un novo.

"En Boado hai vida", insistiu Camilo ao final do preludio do acto, despois de ler un por un os nomes de todas as cativas que andan pola aldea. Ningunha se chama igual que as avoas, pero todas agradecéronlle o Camilo a posibilidade de coñecer cousas que pasaban antes, cando as avoas eran nenas e escoitaban tamén contos. Esa é a esperanza do Camilo, ao fin a estratexia do Viso, que a fonte da memoria non seque e sexa fouce.

 

PRESENTACIÓN DE CAMILO VILA (vídeo)

No libro hai fotos e mapas. Hai fotos do Voo Americano, aquel que cartografiou España desde o ceo sen o cheiro do franquismo. Calquera foto do país dá unha idea do que eran aquelas aldeas con xente, auga, paciencia e fouces. Moito de todo. Cando as avoas se chamaban como as súas nais: Gerardo, Angelita, Fina, Diego, Rosa, Benito, Sita, Serafín, Benita, Augusto, Teófilo, Florita, Pepe, Verónica, Paquito, Moncho, Manola, Antonio ou Abelardo. No libro hai historias extraordinarias como ese da pesca:

 

E no libro hai un convite ao resto de aldeas que aínda non reuniron as súas historias nun libro. No rural hai futuro. Por iso a obra da comunidade se pecha cos debuxos das nenas e dos nenos, co optimismo de cores co que miran o mundo as cativas e os cativos. 

 

a memoria da auga en Boado. 1
Camilo Vila, con dúas das súas axudantas, antes da presentación esta tarde en Boado.

NOTICIAS A LIMIA | Un libro que é unha fouce