Venres. 29.03.2024

Foi José Miñones, o Delegado do Goberno, quen enmarcou o proxecto: “Somos o goberno do Estado que máis investiu nas cidades; somos a Administración que máis inviste en Xinzo; a vila de Xinzo converterase, grazas a esta obra, nunha referencia a nivel estatal”

“É unha obra que ben vale un mandato”, apreciou Elvira Lama, a alcaldesa, diante do seu gran día. Aínda que Lama se esforzou no seu discurso en repartir méritos entre todos os socios (catro) de goberno, alí estaba o socialismo galego exhibindo músculo. “Imos investir 32 millóns de euros nesta comarca”, insistiu Miñones. O regadío, a limpeza das canles do río, a reforma da N-525, o alumeado.

Unha ducia de fotografías do Xinzo que vén, con fundamento nun plan de 3,7 millóns de euros comprometidos polo Goberno do Estado a partir de fondos europeos, abriron onte o ano electoral, un ano decisivo para o PSdeG-PSOE en Ourense, que aspira a conquistar a última Deputación en poder do PP.

As fotografías representan o Xinzo do futuro inmediato, cuestión de meses, di a alcaldesa, Elvira Lama, en canto empecen as obras, matiza Lama no seu gran día. 

O subdelegado do Goberno, Emilio González, o Delegado do Goberno, José Miñones, pesos pesados do socialismo galego, xunto aos máximos responsábeis en Galicia do Ministerio de Transporte, Mobilidad y Agenda Urbana, e todo o goberno local (agás o concelleiro do BNG) xuntáronse para recibir o plan. Tamén parte da oposición, con Antonio Fernández cumprindo o seu deber institucional. 

O novo Xinzo terá beirarrúas máis anchas desde a entrada nos institutos até o Parque do Pombal e na saída desde o cruce da estrada de Baltar até o fin do termo municipal.

Plano 6
Plano do proxecto no tramo da estación de servizo da avenida de Ourense, que inclúe beirarrúas, carril bici un paso de peón sobre a vía. 

UN PLAN SINXELO
O regadío, a limpeza das canles do río, a reforma da N-525, o alumeado. Todo é futuro en Xinzo. Promesas que olen a novo, como os autos brillantes das fotos. O proxecto é sinxelo: converter unha estrada nacional pola que aínda transitan vehículos de todo tipo nunha moderna avenida na que os coches ceden espazo aos peóns. 

Haberá plataformas únicas, isto é, tramos elevados con preferencia peonil no Parque do Pombal e na praza Maior.

Mais a Nacional non é unha arteria calquera. Xinzo medrou ao redor da Nacional e medrou grazas ao tránsito da Nacional. A Nacional acabou por converterse no corazón de Xinzo. Por aí pasan o Entroido, as tractoradas, as procesións. Nada en Xinzo se fai sen pisar a Nacional.

Fotomontaje 3
Comparativa do cambio na entrada desde Ourense. O espazo para os coches redúcese na vía e nos aparcadoiros.

 

A vía mudará por completo o seu aspecto. Iso cambiará Xinzo. O novo Xinzo terá beirarrúas máis anchas desde a entrada nos institutos até o Parque do Pombal (tramo que incorpora un carril bici que continuará pola rúa Sitibal) e na saída desde o cruce da estrada de Baltar até o fin do termo municipal. 

Xinzo medrou ao redor da Nacional e medrou grazas ao tránsito da Nacional. Por aí pasan o Entroido, as tractoradas, as procesións. Nada en Xinzo se fai sen pisar a Nacional.

Reduciranse as prazas de aparcadoiro en toda vía, e calmarase o tráfico (menor velocidade) con plataformas únicas, isto é, tramos elevados con preferencia peonil no Parque do Pombal e na praza Maior. Ademais, nos cruzamentos e glorietas respectarase o carril bici e mellorarase a seguridade viaria con pasos de peóns elevados. Tamén se habilitarán novos pasos diante das gasolineiras das avenidas de Ourense e Madrid.

Fotomontaje 5
Cambios no Parque Pombal. Vista desde o acceso desde Celanova. A zona de xardín medra.

Nos tramos reformados até o Pombal e desde o cruce da estrada de Baltar habilitaranse zonas de xardín e árbores, que segregarán o tráfico rodado. A actuación incluirá cambios na canalización e nas luminarias, e terá varios efectos directos beneficiosos, segundo subliñou o redactor do proxecto, Enrique Urcola: menos ruído, menos contaminación, maior integración da rúa na vida das veciñas e veciños, menos velocidade do tráfico rodado, maior seguridade peonil, en especial para as mozas e mozos que acoden a diario aos institutos.

O tramo no que se realizarán menos cambios (cuestión de espazo) será o comprendido entre a praza Maior e a saída cara a Baltar. O orzamento total da obra (sen luminarias, que será unha actuación posterior) ascende a 3,9 millóns de euros (IVE incluído).

Haberá menos ruído, menos contaminación, menos velocidade do tráfico rodado, maior seguridade peonil, en especial para as mozas e mozos que acoden a diario aos institutos.

Fotomontaje 1
Tramos da gasolinera da avenida de Ourense, onde os peóns gañan espazo e seguridade.

 

UN PLAN SEN PRAZOS
O plan é sinxelo, mais na presentación non se concretaron prazos. Despois do acto, o Delegado do Goberno e a alcaldesa insistiron en que os fondos europeos impoñen unha execución rápida, mais ninguén concretou datas. Elvira Lama desexou que as obras puidesen comezar nos primeiros meses do 2023. 

Desde o PP, esa, a falta de prazos, foi a principal eiva que se lle ve ao proxecto. “Toda actuación debe incluír unha data de comezo e unha data de finalización, entendendo que son datas flexíbeis porque hai moitos factores en xogo. Mais, polo menos, unhas datas de referencia. E aquí non as hai”, dixo Antonio Fernández en conversa co Diario do Limia

Tamén considerou o líder municipal do PP as molestias que as obras poden ocasionar á veciñanza afectada, e pediu que se tivese iso en conta á hora de explicar o proxecto e o que suporán esas obras. 

Plano 14
Plano da actuación no tramo da praza Maior, onde se habilitará unha plataforma única.

“Toda actuación debe incluír unha data de comezo e unha data de finalización. Unhas datas de referencia. E aquí non as hai”, dixo Antonio Fernández, portavoz municipal do PP. 

Plano 18
Plano do tramo entre a estrada de Baltar e o fin da avenida de Madrid, que terá beirarrúas máis anchas (e en ambas marxes) e un paso elevado despois da estación de servizo. Tamén incluirá arborado.

NOTICIAS A LIMIA | Promesas que olen a novo