Xoves. 28.03.2024

Ramón Gómez camiña este luns de feira e chuvia pola rúa do Estadio onde as obras da beirarrúa e do carril bici avanzan a bo ritmo. "Dependemos un pouco do tempo, pero a empresa di que en 15 días estará todo listo", di o responsábel de urbanismo de Xinzo. O acondicionamento deste tramo de 600 metros entre a rúa Sitibal e o campo da Moreira será primeira realización do goberno local en 2022. A un ano e pico das eleccións, cómpre ir rematando proxectos.


A urbanización da rúa Sitibal foi o comezo. "O que ía ser unha pista, convertémolo nunha rúa en condicións e agora que lle pregunten aos veciños se non están contentos", di Gómez. O arranxo e cambio no tráfico na rúa do Estadio, cun orzamento moi axustado, foi o interludio. A gran obra está por chegar. "E desafortunadamente para nós non se completará antes das eleccións, pero había que facela. E por fin se fará", apunta o concelleiro.


A gran obra do mandato é unha aposta de todo o goberno que lidera a alcaldesa, Elvira Lama, e o seu compañeiro, Ramón Gómez, desde urbanismo. O socio necesario era o Ministerio de Transportes, Mobilidad y Agenda Urbana. Dous executivos socialistas e un intermediario socialista, o Delegado do Goberno, Miñones, que visitou Xinzo e setembro pasado.


A gran obra consiste na reforma, sempre adiada, da arteria principal de Xinzo: a que constitúen as avenidas de Ourense e Madrid. "É unha iniciativa deste goberno, pero é unha necesidade histórica de Xinzo. A idea sempre a houbo. Agora retomámola nós", di Gómez, quen o venres pasado participou, xunto a Elvira Lama, nunha reunión con técnicos do ministerio que están a avaliar os cambios que o goberno local pensa que se deben introducir no proxecto inicial.


Ramón Gómez no se atreve a dar prazos. Manexan mapas, pero son provisionais. Tanto como o orzamento. O proxecto está a piques de empezar a ser redactado na súa versión definitiva. "Mais levará tempo, non sei cantos meses. Querémolo ter todo ben claro antes de presentar nada á opinión pública", explica o concelleiro.


Houbo un desenvolvemento urbano moi forte nos anos aqueles da burbulla inmobiliaria e hai zonas sen infraestruturas básicas e outras con infraestruturas xa obsoletas. É tempo de arranxar iso", di Ramón Gómez.


A gran obra consiste en "aproveitar o espazo da entrada a Xinzo desde os Institutos", e facer o tráfico máis seguro, mellorar a pavimentación, as beirarrúas, facer zonas axardinadas e un carril bici (como no acceso ao Estadio), aproveitar para renovar abastecemento e saneamento, meter cableado para as infraestruturas de comunicación, novas rotondas, calmado do tráfico, cambiar a iluminación... Iso está no deseño inicial do proxecto. E na saída cara a Madrid, "máis ou menos até onde estaba a antiga Fiat" facer o mesmo segundo o permita o espazo.

Avenida de Madrid. Xinzo. Urbanismo (2)
A avenida de Ourense, na N-525, en Xinzo. 

"Houbo un desenvolvemento urbano moi forte nos anos aqueles da burbulla inmobiliaria e hai zonas sen infraestruturas básicas e outras con infraestruturas xa obsoletas. É tempo de arranxar iso", di Ramón Gómez, que insiste en que o goberno local ten todo o interese en dar a coñecer o proxecto final este mesmo ano, e por iso está apurando o paso diante do ministerio.

Ramón Gómez camiña pola rúa do Estadio e explica como quedará o tráfico "nunha única dirección, de entrada", que os veciños están de acordo, que o tránsito de vehículos e sobre todo peóns e ciclistas, moitos mozos que acoden ás Escolas, será "máis seguro". El mesmo, confesa, "tiña esa preocupación como pai".

A rúa Sitibal son 600 metros de mellora incompleta. “Con máis orzamento poderiamos ter ampliado a estrada. Non está descartado a medio prazo”. As avenidas de Ourense e de Madrid son tres quilómetros, a arteria pola que transcorre o fluxo principal de tráfico peonil e de vehículos en Xinzo, e aí o goberno local xógase o seu futuro (inmediato) e a vila, moito máis.

NOTICIAS A LIMIA | O goberno de Xinzo apura o paso para concretar a gran obra do...