martes. 16.04.2024

A festa, coma sempre

foto combate infantil FOTO DE PEPE CALLEJA. A Saínza
Combate infantil na Saínza. | FOTOS: Pepe Calleja.

Remata do verán e chega unha das festas máis agardadas, A Saínza. A festa sempre tivo moito éxito en toda A Limia. Polo que contan os maiores sabemos que acudía moita xente. (Corroborado polas fotos do Rizo). 


Co paso do tempo a festa foi mudando. A tiranía do tempo non perdoa. Polo que contan os nosos maiores a festa xa comezaba no camiño cara A Saínza. Camiño que se facía a pé, no carro ou na besta. Eu recordo ir no tractor do Pepe Cuco. E si, polo camiño fomos comendo, bebendo e cantando. Como non!
 

A comida no prado coa festa entre familias e amigos é incomparable. Que ben se está nos prados á sombra dos carballos, na Carballa da Rocha, monumento natural dende o ano 2007. Que momentos de bromas, cancións, bailes… A festa tradicional mantense viva e faise coma sempre, aínda que con algunhas modificacións.

Gocemos desta festa como sempre se fixo, ollando o combate con agarimo, perdoando os erros e agradecendo o esforzo. Facendo veciñanza; compartindo comida, bebida, cancións e sestas.


Mudouse a data do combate para o domingo máis próximo ao 24 de setembro. Antes festexábase o propio día da Nosa Señora da Mercé. (Era un festivo que non o era, pero que se respectaba como se fose). Faise un combate infantil para que as nenas e os nenos participen. Co abandono do rural é un intento de manter viva a tradición. A ver se cando sexan mozas e mozos recollen o legado. Penso que si.


A noite do sábado faise un asalto ao Castelo por parte dos mouros. Temos batalla, lume e final con foguetes. Houbo anos nos que contrataron a un director de escena. Tamén existía un narrador que explicaba os acontecementos do campo de batalla.

Faise un combate infantil para que as nenas e os nenos participen. Co abandono do rural é un intento de manter viva a tradición. A ver se cando sexan mozas e mozos recollen o legado. Penso que si.

foto neno con espadaFOTO DE PEPE CALLEJA. A Saínza
Neno con espada na festa da Saínza.

Persoalmente non gosto destas intromisións nas manifestacións da cultura tradicional. Non se lle pode quitar o protagonismo a quen o ten. Non se lles pode roubar o momento que levan agardando todo o ano. Todo o mundo entende sen necesidade de explicación o que vai pasar. É algo que levamos vendo e escoitando dende sempre. Non queremos mudanzas.   


Temos que respectar e apoiar como poidamos estas manifestacións da cultura popular-tradicional porque son únicas. Temos moita sorte de que a modernidade, as diferencias políticas ou a falta de diñeiro non as teñan feito desaparecer.


Gocemos desta festa como sempre se fixo, ollando o combate con agarimo, perdoando os erros e agradecendo o esforzo. Facendo veciñanza; compartindo comida, bebida, cancións e sestas. E gozade do día porque sabemos que despois da Saínza o que ven é o tempo sen luz ata que outra festa, o Nadal, volva a darlle outra volta ao ciclo da vida.

foto asalto ao castelo polos mouros. FOTO DE PEPE CALLEJA. A Saínza
Asalto ao castelo polos mouros e cristián preso, na festa da Saínza a noite do sábado. 

Temos que respectar e apoiar como poidamos estas manifestacións da cultura popular-tradicional porque son únicas.

 

Xosé Calleja López é membro fundador e Presidente da Asociación Cultural O Bión, vogal da Asociación Aimil Folc, e blogueiro en As tradicións da Limia.
 

Esta publicación fai parte da serie de colaboracións no Diario do Limia, en diversos formatos e baixo o título xenérico de As nosas raíces.

 

A festa, coma sempre