miércoles. 24.04.2024

A tradición da auga e o Esquecemento

A Festa do Esquecemento rememora uns acontecementos que están intimamente relacionados coa auga. Na cultura atlántica (países celtas?), a auga ten un significado espiritual moi relevante xa que é medio de tránsito entre o mundo dos vivos e dos mortos e ademais  serve de fronteira entre estes dous mundos.

Despois de máis de 2000 anos da imposición da relixión que veu de oriente, temos asimilado que as ánimas das persoas finadas e que tiveron unha conduta que definen como boa van ao ceo e os que foron uns crápulas van ao inferno. O ceo está entre as nubes e o inferno no interior da terra.

Na cultura atlántica non era así e temos que ter en conta que as crenzas antes do cristianismo existiron durante milenios. Pouco a pouco a nova relixión foi cambiando a espiritualidade, aínda que non de todo.

Os que vivían nestas terras antes da chegada dos invasores romanos, posiblemente, crían que as ánimas dos falecidos ían a un Máis Alá que relacionaban coa Lagoa de Antela ou Lago Beón e que o Río Limia sería a canle de paso ao Alén. As ánimas entran noutra dimensión da que non se volta. Recordemos que o Rei Artur leva anos agardando polo seu exército. (Esta lenda a min paréceme un pouco culturetas.)

O Máis Alá maniféstasenos cuns sinais sensitivos que son comúns no mundo atlántico. (Galiza, Portugal, Bretaña, Irlanda, Alemaña...) Dentro dos sons temos o canto dunha ave e o son das campás. Nos dous casos cumprimos. Escoitabamos o canto do galo da Cidade Asolagada de Antioquía, que si non canta de noite canta de día, na noite de San Xoán, Nadal e Reis. O galo que representa o sol porque canta cando este fai a súa aparición no firmamento. (Nada menos). Escoitabamos as campás da cidade que estaba debaixo das augas da Lagoa de Antela. O sons das campás que informaban dos acontecementos nas aldeas e vilas.

Os que vivían nestas terras antes da chegada dos invasores romanos, posiblemente, crían que as ánimas dos falecidos ían a un Máis Alá que relacionaban coa Lagoa de Antela ou Lago Beón e que o Río Limia sería a canle de paso ao Alén.

Tamén podiamos ver co primeiro raio do sol o campanario, as cúpulas e as torres da cidade asolagada cando as augas estaban quedas e a transparencia era a axeitada. Taboada Chivite dinos que o Río Limia nace na Lagoa de Antela e polo tanto ven dunha cidade asolagada o que para el é o “inferno antigo”. Vicente Risco (que era moi católico) tiña outra visión e pensa que non son as ánimas dos mortos as que están na Cidade de Antioquía, máis ben son uns seres encantados condenados a unha existencia acuática.


(Despois da desaparición da Lagoa de Antela, onde irían esas ánimas ou encantos? Como reconducimos a lenda tradicional? Canto nos roubaron!)

Cruce Lethes Esquecemento FESQ22 (25)
Cruce do río no Esquecemento deste ano. | FOTO: Noelia Caseiro.

Cando chegan as tropas invasoras atópanse cunha crenza antiga na que o Río Limia é o camiño para o Alén e a Lagoa de Antela é a receptora das ánimas dos finados. Foron coñecendo esta crenza ao entrar en contacto cos moradores destas terras. Tamén pola cultura grega sabían que existen ríos condutores ao Máis Alá, cidades asolagadas, incluso illas que desapareceron no mar (Atlántida). Quen non o pensa dúas veces antes de atravesar un río que te leva ao Máis Alá para non tornar?. E cruzaron...

Taboada Chivite dinos que o Río Limia nace na Lagoa de Antela e polo tanto ven dunha cidade asolagada o que para el é o “inferno antigo”. Vicente Risco (que era moi católico) tiña outra visión e pensa que non son as ánimas dos mortos as que están na Cidade de Antioquía, máis ben son uns seres encantados condenados a unha existencia acuática.

A invasión non permitiu que a cultura propia fose cara adiante e impuxeron os costumes e as leis dos que venceron polas armas. A mudanza foi importante porque nin se mantivo o idioma e adoptouse o do invasor.  Co tempo trouxeron unha nova relixión de oriente. Mas, quen non sinte algo especial cando ve a beleza dunha fervenza. Quen non se para a escoitar o son dunha fonte... Seguen aí.

Xosé Calleja López é membro fundador e Presidente da Asociación Cultural O Bión, vogal da Asociación Aimil Folc, e blogueiro en As tradicións da Limia.
 

Esta publicación fai parte da serie de colaboracións no Diario do Limia As nosas raíces.

 

A tradición da auga e o Esquecemento