O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, recibiu ao subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, para comprobar sobre o terreo o avance das obras de humanización da N-525 ao seu paso pola vila. Na visita, na que tamén participaron membros da Corporación Municipal, prestouse especial atención ao ámbito educativo, concretamente á contorna dos institutos, un dos primeiros tramos en execución e de maior impacto na mobilidade diaria da veciñanza.
As actuacións previstas transformarán a travesía urbana nas avenidas de Ourense e Madrid mediante o ensanchamento de beirarrúas, a creación de itinerarios peonís e ciclistas, a mellora de interseccións con pasos seguros e a construción de novas rotondas. Tamén se renovarán e soterrarán servizos, instalarase novo alumeado e ampliaranse as zonas verdes.
O proxecto conta cun investimento que supera os 4 millóns de euros, financiado polo Ministerio de Transportes a través dos fondos NextGenerationEU, e un prazo de execución de 12 meses.
O alcalde Amador Díaz destacou que "a obra estase a executar en coordinación permanente co Concello, por tramos e con seguimento diario, para compatibilizar os traballos coa vida da vila. O ritmo é alto e o obxectivo é claro: cumprir prazos e rematar en tempo unha travesía máis segura e centrada nas persoas".
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, subliñou que esta actuación "suporá unha transformación para Xinzo".
