FOTOGALERÍA | A Deputación de Ourense trae a Xinzo unha exposición con pezas únicas da tradición mundial da gaita
A Deputación de Ourense inaugurou no Museo Galego do Entroido, en Xinzo da Limia, a exposición “Cornamusas primitivas: historia da civilización”, unha iniciativa destinada a difundir os fondos do Museo Internacional de Cornamusas da Escola Provincial de Gaitas. O acto contou coa presenza do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, e do director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, quen subliñaron o carácter cultural e didáctico desta proposta.
A mostra reúne exemplares procedentes de diferentes territorios e culturas, entre eles o País Vasco, El Gastor (Cádiz), as Landas de Gascoña, Romanía, a República de Mari-El, Xeorxia, Sardeña (Italia), India, Dalmacia, Túnez, Persia, Croacia, Suecia, as Illas gregas, Anatolia, Ucraína e Malta. Cada instrumento incorpora un código QRque permite acceder a interpretacións orixinais de instrumentistas de cada tradición, ademais da historia e características técnicas de cada peza.
A exposición complétase cunha selección fotográfica que percorre a iconografía da gaita na Península Ibérica desde o século XIII, ofrecendo unha visión histórica da evolución deste instrumento ao longo dos séculos.
O Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense, situado no Campus Universitario de Ourense, conserva unha das coleccións máis significativas do mundo, tanto pola variedade dos seus instrumentos como polos elementos pictóricos, pregos de cordel e arquivo audiovisual que alberga. Entre as súas pezas inclúense gaitas xa desaparecidas nos seus países de orixe, reconstruídas a partir de documentación histórica.
A exposición ten un claro carácter didáctico, estando orientada a centros educativos e a visitas de turismo cultural, e poderá visitarse ata o 30 de xuño de 2026, con posibilidade de prórroga. Desde a chegada da alta velocidade ferroviaria a Ourense, o museo está a rexistrar un notable incremento de visitantes, consolidándose como referente cultural e turístico da provincia.