FOTOGALERÍA | Xinzo arranca o Nadal celebrando os 15 anos da Charanga Achicoria
A vila de Xinzo de Limia viviu esta fin de semana unha xornada multitudinaria coa celebración do XV Aniversario da Charanga Achicoria. O evento converteu as rúas do casco urbano nun fervedoiro de música e cor, atraendo a centos de veciños e visitantes nun ambiente que moitos cualificaron xa como o mellor "adianto do Entroido".
Dende o Concello de Xinzo quixeron destacar a importancia deste tipo de celebracións dentro da súa estratexia cultural. Segundo declarou o alcalde Amador Díaz, apoiar eventos como o aniversario da Achicoria é fundamental para "democratizar o acceso á programación cultural". O obxectivo é garantir que a cultura e o lecer non queden pechados en auditorios, senón que tomen o espazo público para que toda a veciñanza, sen excepción, poida desfrutar dela en igualdade de condicións. E así se demostra coa completa programación de Nadal completamente gratuita que propón o Concello de Xinzo de Limia para estas festas.
A xornada foi un éxito rotundo de participación, demostrando que a fórmula de música na rúa e cultura popular segue a ser o gran motor social da vila. Na celebración da Achicoria estiveron acompañando TOQ’S Band, A Felga, Bloco Trifulka e Alambique.
A continuación, ofrecemos unha extensa galería onde poderedes ver en detalle a tódalas agrupacións e a gran resposta do público limiao.