NOTICIAS XINZO | Aluvión na última tarde de Feira do Comercio, que quere edición de inverno

O gañador (no centro) do sorteo da viaxe para dúas persoas.
A terceira edición da Feira do Comercio de Xinzo de Limia concluíu este domingo pola tarde despois dunha masiva afluencia de público durante as últimas horas do evento. O domingo foi o mellor día en canto ás visitas; maioritariamente, veciñanza de Xinzo. Está por ver se foi o mellor día en canto ás vendas, despois do éxito a tarde anterior. A Feira pecha con satisfacción xeral entre as comerciantes e o Concello de Xinzo de Limia, que este ano cambiou ás condicións do alugueiro para aforrar custes ao comercio. O que non fixo, e a comunicación municipal así o suxería, foi rebaixar as taxas: o ano pasado cada posto pagou 50 euros; este ano, 80 euros. A decisión de reducir á metade a cota que se estableceu na ordenanza municipal non significa que os comerciantes pagaran menos (por este concepto). Tivo que aclaralo esta mañá o propio concelleiro de comercio. Ambigüidades e outras eivas na comunicación do evento a parte, a Feira foi un éxito baseada no enorme esforzo das comerciantes, que esta fin de semana non descansaron e mañá estarán de novo nos seus establecementos habituais traballando.