O voo das olas volve converter a Praza Maior no epicentro do Domingo Oleiro

FOTOS: Noelia Caseiro.

A Praza Maior de Xinzo volveu converterse este domingo nun escenario de precisión, nervios e tradición. O Domingo Oleiro cumpriu, un ano máis, co ritual do barro voando polo aire, debuxando parábolas sobre as cabezas dunha multitude que non quixo perderse unha das citas máis senlleiras do ciclo do Entroido.

O xogo, que semella sinxelo, agocha a complexidade do rito ancestral: manter a integridade da ola mentres o círculo de participantes se abre e se pecha, desafiando a gravidade e a tensión do momento. O estalido da cerámica contra o chan e a consecuente "multa" en forma de viño ou broma colectiva marcaron o ritmo dunha tarde onde a fariña tamén quixo ser protagonista.

A continuación, deixámosvos cunha galería de imaxes que recollen os mellores momentos que nos deixou este Domingo Oleiro.