O pasado venres, o Casino Antelano de Xinzo acollía a gala de entrega do Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares 2024. Nesta terceira edición o galardón foi entregado a Pilar García-Cernuda Lago como recoñecemento á súa destacada traxectoria profesional e o seu compromiso coa divulgación a través do xornalismo. Nada en Compostela, a recoñecida xornalista e escritora mostrouse visiblemente emocionada ao longo dun acto que se converteu nunha clara homenaxe á súa prolífica carreira.
O evento contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial en Ourense da Xunta de Galicia; Carlos Gómez, concelleiro de Cultura; e Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares. Tamén estiveron presentes os premiados nas dúas edicións anteriores, Alfonso Vázquez-Monxardín e Antonio Piñeiro, quen acompañaron a homenaxeada nunha velada marcada polo recoñecemento ao xornalismo literario.
Durante o acto o secretario do xurado Rafael Laso leu a acta que destacaba os méritos de Pilar Cernuda para recibir este recoñecemento, e Héctor Díaz fixo a loubanza da premiada. Na súa intervención, o alcalde Amador Díaz destacou a profunda tradición xornalística de Xinzo, lembrando os primeiros xornais da vila no século XX e o importante papel que hoxe xogan os medios dixitais locais: “Este galardón é un tributo á palabra, que forma parte da nosa identidade colectiva, e á figura de Carlos Casares, cuxa obra segue inspirando novas xeracións” afirmou.
Postos en marcha polo Concello de Xinzo de Limia, coa colaboración de entidades culturais da zona e da Fundación Carlos Casares, os Premios de Xornalismo Literario Carlos Casares son unha clara aposta para poñer de relevo a figura de Carlos Casares e o vínculo de Xinzo coa literatura e o xornalismo. A propia Pilar Cernuda recoñecíallo a este diario nunha entrevista: "Me parece una idea magnífica que una ciudad pequeña como Xinzo de Limia haya creado un premio con su nombre, todo ello es un incentivo para la lectura".

Pilar Cernuda, merecida gañadora do recoñecemento, mostrouse moi emocionada durante o acto. | FOTOS: Noelia Caseiro.


Carlos Gómez, Luis Menor, Miguel Santalices, Amador Díaz, Manuel Pardo e Xabier Casares na mesa de autoridades.


Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, entregaba o galardón a Pilar Cernuda.














Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares.


Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia


Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, durante o seu discurso.


Manuel Pardo, delegado territorial en Ourense da Xunta de Galicia, dedicoulle unhas palabras a Pilar Cernuda.


Marcos Argibay foi o encargado de conducir o acto.















Carlos Gómez, concelleiro de Cultura de Xinzo de Limia.


A gala contou cun acompañamento musical a cargo de Mónica e Miguel.



O dúo musical puxo fin á gala interpretando o Himno Galego.
















