Unhas duascentas persoas reuníronse esta mañá na praza Carlos Casares de Xinzo

A Limia ponse (timidamente) en pé diante da crise global que castiga o sector primario

Concentración convocada por organizacións e sindicatos do sector primario hoxe en Xinzo. | FOTOS: Noelia Caseiro

Na comarca da Limia centos de familias levan semanas desacougadas. A labregos e gandeiros a crise que ataca por todas as frontes tenos cunha bota sobre o pescozo.

Os do leite, que xa quedan poucos, empezaron a vender animais porque os custes estaban disparados e agora mesmo teñen que tirar co leite porque non hai transporte, e non hai transporte porque tamén aí os custes están disparados e fartáronse de traballar a perdas. 

Os pataqueiros quedaron parados por uns días mais a incerteza non desapareceu e chega o tempo de tomar decisións, de sementar isto ou aquelo. E todo está polas nubes menos o prezo da pataca. E algo parecido sofren os gandeiros, en especial os do segmento intensivo. Unha noite non durmían matinando en que ían facer sen penso para os animais, e outra noite tampouco durmían matinando no que ía valer a carne se non mataban a tempo porque o matadoiro pechaba. 

Así que estas son algunhas das razóns que hoxe reuniron en Xinzo, na praza Carlos Casares (a saber o que pensaría el, tan apegado ao sentido común da terra), a uns centos de agricultores e gandeiros, uns cantos representantes políticos e algunhas veciñas máis, porque na Limia, se tocan o campo, tocan a todas. 

Mais aínda así pareceron poucos para a gravidade do asunto e a distancia que os separa dos teóricos centros de decisión política que deben atallar o problema e de novo chegan tarde.

Que piden as mulleres e os homes que hoxe na Limia viven directamente do campo? Fixeron unha lista e ten 20 puntos para atacar todas as frontes da crise aberta e bestial:

1. Un gasóleo profesional libre de impostos para as explotacións agrícolas e gandeiras.
2. Flexibilización da PAC nesta campaña para que se poidan sementar barbeitos co fin de paliar a escaseza de cereais.
3. Busca dun mecanismo para adiantar os pagos da PAC unha feita a solicitude sen ningún tipo de gravame para que as agricultoras e agricultores e as gandeiras e gandeiros teñan liquidez.
4. Flexibilizar os esquemas para a PAC 2023. 
5. Bonificación dos intereses e moratoria polo menos de 2 anos nos préstamos das explotacións agrogandeiras.
6. Redución de módulo acorde coa suba de custes de produción a todas as actividades gandeiras.
7. Incremento da porcentaxe dos gastos de difícil xustificación no réxime de estimación directa para o ano 2021, polo menos do 15%.
8. Condonación da Seguridade Social dos agrogandeiros (pola conta propia e allea) durante un ano.
9. Establecemento dun coeficiente redutor para os gastos derivados dos pensos, plásticos e fertilizantes.
10. Incremento do apoio dos fondos Next Generation para que cheguen a proxectos sostibles da produción primaria.

Iratxe Itxaso, produtora limiá, foi a encargada de ler o manifesto.

11. Construción dunha planta de recollida de residuos agrarios e planta de compostaxe.
12. Habilitar unha liña específica para o acondicionamento dos almacéns da pataca.
13. Aplicación real da lei da cadea alimentaria. Os prezos teñen que integrar as subas dos custes. 
14. Bonificación da enerxía nas comunidades de regantes e nas explotacións agrarias.
15. Reducir as autorizacións de forestar terras agrarias e autorizar os cambios de uso forestal a agrícola para atender as demandas de terra e premiar os cultivos forraxeiros, vexetais, cereal...
16. Facilitar a produción en terras de abandono.
17. Controlar que as importacións cumpran as normas vixentes na Unión Europea.
18. Incrementar a aposta definida para potenciar a pataca e o cereal da Limia a través dos consellos reguladores.
19. Activar mecanismos de diálogo para buscar solucións conxuntas, e activar as dinámicas de produción e non depender tanto da importación.
e 20. Fomentar os mercados locais para a venta de produto de proximidade e fomentando o autoabastecemento.

Agricultores e gandeiros interpelan á Xunta e a Madrid na busca de solucións.

Estes 20 puntos deberían colocarse como as táboas dunha lei en prazas como a de Carlos Casares, casas consistoriais, paneis en rúas e estradas, bares e cafés, colexios e centros sociais e calquera lugar da Limia onde aínda quede esperanza de albiscar un futuro.

Parece que duascentas ou trescentas persoas, as que se reuniron hoxe convocadas polas asociacións da pataca e a dos agricultores e gandeiros da comarca e polos sindicatos (SLG, FRUGA e Unións Agrarias) son poucas para soster a enormidade das reivindicacións. Pero son os que hai e os organizadores esperan que o venres veñan máis.

Representantes das organizaciós convocantes, antes de comezar o acto.

O venres hai tractorada, que sairá ás once desde O Toural, segundo informou Amador Díaz, representante dos pataqueiros e concelleiro en Xinzo. O venres hai que ser máis, como pediron Maite Joga, desde Adegal, e Xosé Manuel Nieto, da FRUGA, e Sonia Vidal, do Sindicato Labrego Galego, e Xosé Ramón González, de Unións Agrarias. O venres volverán contar co apoio de Elvira Lama, a alcaldesa de Xinzo, e Antonio Fernández, líder da oposición, e Manuel Conde, rexedor de Vilar de Barrio, e concelleiras de Porqueira e outras localidades, que tamén estiveron hoxe. Ademais, os comercios pecharán en canto pasan os tractores, como xesto de adhesión. 

Antonio Fernández (PP), Elvira Lama (PSOE) e Manuel Conde (BNG), durante a concentración.

"Hai que unirse, porque aínda que teñamos as nosas diferencias, hoxe estamos aquí polas dificultades que nos unen, e facer forza", dixo Sonia Vidal arrancando os discursos, antes de dar paso á lectura do manifesto. Foi unha labrega limiá de nome vasco, Iratxe Itxaso, a que expresou o sentir común: "A situación non é de agora, vén dada polas políticas dos últimos corenta anos. Durante os últimos meses, agravouse. Cada día é máis difícil sacar adiante as nosas explotacións. Centos de familias dependemos do sector primario na Limia".  

A Xunta e o Goberno central xa teñen sobre a mesa un plan para rescatar A Limia e algunha outra comarca asentada na economía rural, que aínda quedan no país. Rescatar esas familias que dormen mal. Rescatarnos a todas.