sábado. 20.04.2024

María Teresa Joga Martínez é presidenta de ADEGAL (Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia) desde o 2013. “Un período que parece curto pero que rendeu moito”, di no seu despacho onde atende ao Diario do Limia acompañada pola súa asesora de comunicación.

“No referente ó procedemento de ampliación e da avaliación ambiental da granxa avícola de Rairiz de Veiga, descoñecemos o fondo da cuestión sobre este procedemento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como se aínda está en fase de interposición de recurso. Como sempre, desde ADEGAL manifestamos o máximo respecto ás sentencias xudiciais, así como o cumprimento do marco legal existente para as explotacións agrícolas e gandeiras”, di Joga a respecto da sentenza do TSXG anulando a avaliación de impacto ambiental para a ampliación dunha explotación de polos dun concelleiro do PP en Rairiz.

Como valora o Real Decreto publicado o pasado venres polo que co que o Goberno do Estado pretende reducir a contaminación por nitratos?
No referente á publicación do Real Decreto “sobre protección de las aguas contra la contaminación difusa producida por los nitratos procedentes de fuentes agrarias", aínda non é nada determinante, confiamos en que a Limia non forme parte do mapa a nivel Nacional de augas afectadas, pendente de publicar por parte do Ministerio. A maiores,o programa de actuación a nivel autonómico tamén está sen desenvolver.

Que espera o sector desa planta de tratamento de residuos que se está a tramitar en Sarreaus?
A día de hoxe, até onde sabemos, esa planta está aínda parada en trámites. Como a planta aínda non funciona, e nas épocas nas que a agricultura non demanda o uso de fertilización animal, os gandeiros están buscando outras liñas de xestión. Hai empresas que retiran os xurros e separan a fracción líquida da sólida e despois se levan a xestores na Coruña ou Santiago... Enténdese que os custos son maiores que se tiveramos esa planta aquí. Así que estamos expectantes. A planta de tratamento de residuos é básica para a Limia.

A planta de tratamento de residuos é básica para a Limia. Estamos expectantes”.

Para que está servindo a Mesa da Limia?
Serviu para algo que nós entendemos que era necesario: para sentar aos distintos axentes, poñer en común puntos de vista distintos. Somos cautelosos co resultado que poida dar a Mesa.

Cal sería para ADEGAL a mellor vía de saída ao problema da contaminación?
A Limia ten capacidade para que convivan a gandaría, ou a agricultura, intensiva e a extensiva. Aquí é posible. Todos debemos entender os beneficios que reportan un e outro modelo. Chegará o momento en que seremos capaces de compatibilizar os dous modelos, lograr ese punto de equilibrio.

María Teresa JOGA Martínez. Presidenta de ADEGAL. Xinzo. Gandaría. Agricultura (6)

Como está o sector en xeral cara o terceiro ano de pandemia?
O tipo de explotacións que temos, tanto gandeiras como agrícolas, son empresas de tamaño medio a pequeno. Agora mesmo están a sufrir un aumento dos custes de produción. E os prezos non soben. Unha empresa grande pode ilo levando. Para as nosas é máis difícil e estamos vendo peches de empresas.

Cantas? Teñen cuantificados os peches?
É difícil sabelo. Sabemos que está a pasar. Tamén vemos que falta recambio xeracional.  

Que poden facer as Administracións para compensar o aumento dos custes de produción?
Agricultores e gandeiros sofren como todo o mundo a suba do prezo da luz. As explotacións gandeiras consumen moita electricidade, pero tamén os agricultores para o almacenamento. No caso da gandaría, ademais, houbo cambios normativos que esixiron, por exemplo, maior capacidade de almacenamento nas balsas. Incrementáronse os custes por obras. Tamén se modificou o sistema de fertilización. E isto obrigou a máis gasto en maquinaria. Non só cambiaron o sistema, senón tamén tiveron que adquirir tractores máis grandes. As explotación están endebedadas.

Non se pode xogar todo á carta da PAC. Hai outro tipo de axudas que se axustarían mellor ás dimensións das nosas empresas.”

Que esperan da próxima PAC?
Non se pode xogar todo á carta da PAC. Xa dixen que temos a vontade de mellorar. Hai outro tipo de axudas que se axustarían mellor ás dimensións das nosas empresas. Axudas para a modernización ou para a incorporación das novas xeracións, por exemplo.

Como está o sector da pataca?
Coa pandemia parou a hostalaría. Os almacéns quedaron cheos. Sen saída. Traballouse moito para buscar unha solución para o excedente. Non pensabamos no prezo, senón en que o produto non se perdera. Pasaron os peores momentos da pandemia e este ano, a altura da tempada na que nos atopamos, está o 65 ou o 70% do produto sen vender. Hai un problema de demanda.

Como se acolleron na Limia as declaracións do ministro de consumo que deron lugar a unha polémica en todo o Estado?
Pois con tristura. Pensamos que o sector gandeiro, e tamén o agrícola, están sendo moi maltratados. Estamos preocupados de como poida afectar ao consumidor.

Entendemos que a modernización dos regadíos é algo que a Administración lle debe á Limia.”

Que pensa ADEGAL da gandaría intensiva?
Agricultura e gandaría van collidas da man. A agricultura e a gandaría son e serán sempre os máis interesados en coidar a terra, porque viven directamente diso. Se pensamos que se esta producindo un exceso de abonado, prexudicaría á agricultura. 

Alén destas cuestións, que outra lle preocupan a vostede como presidenta de ADEGAL e das que se fala menos?
Pois está a cuestión dos regadíos, da necesaria aposta pola súa modernización. Entendemos que é algo que a Administración lle debe á Limia, a comarca agrícola por excelencia de Galicia. Podemos implantar sistemas de regadío moito máis respectuosos cos caudais. Tamén está o problema das inundacións, que se solucionarían cunha mellora na limpeza dos ríos e das canles. Iso evitaría ademais o filtrado de abonos, así que tamén se reduciría a contaminación. Parece que hai vontade de dotar partidas orzamentarias para os regadíos e para a limpeza. Veremos. 

ENTREVISTA | “A Limia ten capacidade para que convivan a gandaría intensiva e a...