É un proxecto estatal que se desenvolve no rural

NOTCIAS A LIMIA | A Subdelegación amosará as ferramentas dixitais da administración na comarca

Reunión sobre o plan estatal "A Administración Cerca de Ti".

A Subdelegación do Goberno achegará esta semana o plan estatal “A Administración Cerca de Ti” a trece concellos da provincia, no que se amosarán as ferramentas da Administración dixital aos veciños que viven no rural. Trátase do programa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, enmarcado nas políticas de reto demográfico para avanzar na eliminación da fenda dixital e na cohesión social e territorial. Nas vindeiras semanas incorporarase tamén ao programa persoal da Seguridade Social e o SEPE tralo acordo acadado entre o Ministerio de Política Territorial e os Ministerios de Emprego e de Inclusión, dos que dependen ambos organismos.

Ourense sitúase á cabeza dentro das provincias españolas nas que se desenvolve o programa na realización de trámites electrónicos, achegando a Administración a miles de ourensáns do rural que evitan desplazarse para poder realizar os trámites. Un programa que impulsa o rural, o avance pola dixitalización e os trámites electrónicos, que pon en valor a implicación do Goberno no reto demográfico. A día de hoxe xestionáronse 500 certificados e 450 Cl@ves permanentes.

Deste xeito, o persoal da Subdelegación do Goberno visitará esta semana, cos seus equipos tecnolóxicos, na comarca os concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Sarreaus, Sandiás, Vilar de Barrio e Os Blancos. Nestes municipios, os funcionarios ensinarán ás persoas interesadas como poden relacionarse coa administración de forma dixital, resolverán dúbidas e tramitarán, entre outros, o Certificado Dixital, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita.

Esta iniciativa do Goberno de España ten presencia en todo o territorio da provincia, ofrecendo un servizo útil e próximo, coa garantía de que as persoas que viven nas localidades de menor poboación reciben os mesmos servizos públicos. Así, tras os dous primeiros meses, a “A Administración Cerca de Ti” chegou a máis de 50 municipios da provincia, nos que se tramitan diferentes xestións sendo o Certificado Dixital unha das máis demandadas pola cidadanía.

En total, 81 municipios de menos de 8.000 habitantes acollerán xornadas da “Administración Cerca de Ti” na provincia. Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións cos seus departamentos. Dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar telemáticamente.