miércoles. 24.04.2024

A Deputación de Ourense e representantes de todos os Grupos de Desenvolvemento Rural da provincia anunciaron esta semana un acordo de colaboración polo que a Deputación realizará labores de “acompañamento e apoio” no traballo dos GDR, segundo expresou a entidade que preside Manuel Baltar (PP) nunha nota de prensa.

O presidente do GDR Sil Bibei Navea, Francisco Magide, afirmou, segundo o comunicado, que a integración da Deputación “significa entender na práctica o importantes que son os GDR promovendo proxectos de desenvolvemento en próximo co territorio. Unha idea excelente para o mundo rural”.

A Deputación de Ourense integrarase como socia en cada unha das asembleas dos seis Grupos de Desenvolvemento Rural:  Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil Bibei Navea, e Valdeorras. Achegará “capacidade técnica e xurídica”, así como “unha liña de colaboración económica”.

A iniciativa partiu dunha proposta trasladada polos GDR á Deputación, referendada posteriormente no debate sobre o estado da provincia. A Deputación realizará “unha primeira achega económica que este ano será de, aló menos, 10.000 euros, que se aprobarán na modificación de crédito prevista para o pleno do mes de abril”.

No encontro estiveron Manuel Seoane, alcalde da Peroxa e presidente do GDR Ourense-Adercou; Manuel Dacal, tenente alcalde do Carballiño e representante do GDR Carballiño Ribeiro; Gumersindo Lamas, alcalde de Sarreaus e presidente do GDR Limia-Arnoia; Luciano Rivero, alcalde de Cualedro e vicepresidente de Monteval; Francisco Magide, tenente alcalde de Parada de Sil e presidente do grupo Sil Bibei Navea e María del Carmen González, alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e presidenta da GDR Valdeorras. 

Os GDR teñen como principal función xestionar fondos europeos para desenvolver programas de dinamización local, contando para este fin coa colaboración de organismos públicos e colectivos de representación empresarial, social e veciñal nos territorios que abarca cada grupo. Están dotados cun equipo técnico (xerencia, técnicos e administrativos), ademais de órganos decisorios como unha asemblea xeral, xunta directiva ou equivalentes. Cada un dos grupos, dos que en Galicia existen 24, elabora una estratexia de desenvolvemento para o seu territorio, dentro dos criterios establecidos no Plan Leader da Unión Europea.

NOTICIAS A LIMIA | A Deputación de Ourense, nova socia en todos os GDR