viernes. 26.04.2024

A alcaldesa de Xinzo de Limia e varios concelleiros recibiron ás representantes da etnia xitana esta mañá na Casa do Concello e xuntas celebraron un acto no salón de plenos en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano. 

Xunto a alcaldesa sentaron Eva, Silvia e Gerson, e despois Zaira para a lectura do manifesto. A alcaldesa cedeu a cadeira presidencial á muller. “Conmemoramos este 8 de abril o primeiro congreso mundial xitano celebrado en Londres en 1971”, comezou Zaira. 

Despois de 51 anos, a etnia xitana segue reclamando cuestións básicas: acceso á vivenda, acceso á educación, acceso ao traballo. “Seguimos estando detrás”, corroborou Zaira.

José Luis Gabarri, predicador en Verín, que pediu o uso da palabra, dixo tamén que eles, os xitanos e as xitanas, pensan que máis que leis o que hai que facer é falar e entenderse. E chamou a atención dos presentes: “Nos hemos alejado un poco, gitanos y payos, aquí en Xinzo”.

O documento que leu Zaira dicía o mesmo á súa maneira. Dicía “nas crises somos máis vulnerábeis”, e tamén: “seguimos sendo discriminadas”. Mais tamén dicía que se vai abrindo camiño un pacto de Estado anti-xitanismo e que xa está sobre a mesa a Estrategia Nacional para la Igualdad, Inclusión y Participación del Pueblo Gitano 2021-2030.

José Luis Gabarri insistiu en que eles, xitanos e xitanas, non son moito de papeis. Pero alí estaba o manifesto. Que dicía unha cousa moi clara: aceptación non é asimilación; nin acceso, submisión. E dicía que o que hai que respectar é a diversidade, que ese é o camiño da igualdade e que eles e elas teñen “unha cultura propia”

Dia do Pobo Xitano en Xinzo (1)
Elvira Lama, de pé, con Zaira, Silvia e Eva este mediodía na Casa do Concello.

Con sutil cortesía, desde a cadeira presidencial, Zaira e o documento do Día Internacional, 51 anos despois de aquel fito en Londres, diante da alcaldesa, Elvira Lama, e os concelleiros, deron outro paso cara a normalización. 

Despois soou o himno cigano, que empeza: “andei andei por longos camiños...”, e a alcaldesa e catro membros do colectivo subiron até o balcón municipal e izaron a bandeira romaní, o estandarte internacional, unha roda entre o ceo e a terra. 

Eva Araújo, da Fundación Secretariado Gitano en Ourense, e Silvia, traballadora social, e Gerson, dinamizador cultural, atenderon despois nunha aula da Casa da Cultura ao Diario do Limia nunha breve entrevista. “Estámonos achegando ao rural, aquí apenas temos presencia, pero en Xinzo, onde existe unha comunidade xitana de case 200 persoas, estamos empezando”, comentou Eva.

Nesa mesma aula, doce veciñas da Limia de etnia xitana están recibindo formación e orientación laboral. Levan uns meses. É a primeira experiencia e está avalada polo Concello de Xinzo.  

NOTICIAS A LIMIA | “Seguimos estando detrás”