SEGURIDADE NO RURAL

O PP denuncia a falta de 163 gardas civís en Ourense e urxe cubrir as vacantes no sur da provincia

Cristina Campero e Alberto Rodríguez na Comisión 1ª.

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha proposición non de lei (PNL) impulsada polo Grupo Popular para esixir ao Goberno central un reforzo inmediato dos efectivos da Garda Civil nas comarcas da Limia e Baixa Limia. A iniciativa, que demanda máis medios humanos e materiais para garantir a operatividade dos cuarteis as 24 horas do día, saíu adiante en solitario cos votos dos populares, mentres que o BNG optou pola abstención e os deputados do PSdeG votaron en contra.

A encargada de defender a proposta foi a deputada popular Cristina Campero, quen alertou sobre a "alarma social" que está a xerar a repunta delituosa nestas zonas rurais. Campero argumentou que a seguridade na provincia, e especificamente no sur de Ourense, deteriorouse de "maneira preocupante" debido aos recortes sostidos nos últimos anos, que se traducen nunha "menor presenza no territorio, menos capacidade de prevención e tempos de resposta moi dilatados".

Para soster a súa demanda, a deputada achegou cifras concretas sobre o déficit de persoal. Segundo os datos expostos, na provincia de Ourense existen 910 prazas catalogadas da Garda Civil, das cales só están cubertas 817. Se a isto se suman outras 70 baixas médicas sen cubrir, o resultado é unha carencia real de 163 axentes menos operativos no territorio ourensán respecto ao que sería necesario.

Durante a súa intervención, Campero vinculou directamente este desmantelamento de cuarteis e a falta de efectivos co incremento da inseguridade, sinalando que a criminalidade se disparou un 28,3% desde o ano 2018. A deputada pechou a súa argumentación cunha frase gráfica sobre o cambio de hábitos nos pobos: "Pasamos dun rural galego de portas abertas a un rural de alarmas, froito dun medo que se agrava polos continuos roubos e a menor presenza da Garda Civil".