O sábado 9 ás 16:00 horas

A Festa Popular de Baltar celebra a súa XV edición con música, xogos e tradición

XV Festa Popular de Baltar.

O Concello de Baltar prepárase para acoller a XV edición da súa tradicional Festa Popular, que se celebrará o próximo sábado 9 de agosto. A xornada, que arrancará ás 16:00 horas, promete unha completa programación de actividades para todas as idades, combinando tradición, diversión e a promoción dos valores locais.

 

A tarde comezará con xogos populares como o Tute e a Brisca e a Exposición do Concurso Medioambiental. Os máis pequenos poderán gozar da Carreira de Sacos (tanto para infantís como para adultos) e da clásica Concentración de Grupos Folclóricos da zona, que porá a nota musical e de baile tradicional. Ademén, haberá unha exhibición de concertinas portuguesas a cargo da Escola de Música do Concello de Baltar.

 

O programa continuará co emocionante Cruce do Río por un Pau, a Exhibición de Parapente e os Tiros da Corda nas súas modalidades masculina, feminina e infantil. A entrega de premios terá lugar ás 20:00 horas, seguida dunha degustación de produtos da terra con Porco o Espeto e Serra do Larouco.

 

A noite pecharase cunha Velada Musical amenizada polo grupo Banarama ás 23:00 horas. Ademais, durante toda a tarde haberá inchables de auga, touro mecánico e festa da escuma para garantir a diversión de todos os asistentes. A organización tamén levará a cabo probas de alcoholemia con premios para aqueles que participen.

 

Un ano máis, a festa conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o concello de Baltar e a Comunidade de Montes en Man Común de Baltar, entre outros patrocinadores, demostrando o compromiso da comunidade coas súas tradicións.

 

XV Festa Popular de Baltar.