Mobilizáronse máis de medio cento de medios de extinción

Medio Rural dá por controlado o lume de Garabelos, en Baltar, cunha superficie afectada de 120 hectáreas

As lapas iniciáronse pasadas as 12:20 horas deste sábado. | FOTO: Iván Rueda.

A Consellería do Medio Rural vén de confirmar que ás 21:42 horas deste domingo quedou controlado o incendio forestal orixinado no concello de Baltar, concretamente na parroquia de Garabelos do Bouzo. Segundo as últimas estimacións provisionais facilitadas pola administración autonómica, a superficie afectada polo lume ascende a 120 hectáreas. O lume iniciárase ás 12:21 horas do sábado.
 

Para acadar o control do incendio, o dispositivo de extinción mobilizou ata o momento a 3 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 15 motobombas, 3 pás e 1 unidade técnica de apoio. Bloco ao que se sumou unha ampla cobertura de medios aéreos composta por 6 helicópteros e 9 avións.


Dende a Consellería do Medio Rural lémbrase á cidadanía que está dispoñible o teléfono gratuíto 085 para comunicar calquera detección de lume forestal, así como a aplicación móbil ALume. Do mesmo xeito, permanece operativo o número anónimo e gratuíto 900 815 085 para denunciar actividades delituosas incendiarias, mentres que a información actualizada sobre incendios de máis de 20 hectáreas difúndese na conta de X @incendios085.