Gran oportunidade para atopar emprego

Sandiás estrea centro formativo con transporte gratuíto e máis oferta en camiño

Fachada principal das novas instalacións de Bon Saber Formación situadas no municipio de Sandiás.

A moza emprendedora alaricana Estela Currás acaba de poñer en marcha en Sandiás o centro BON SABER Formación, unha nova aposta que nace coa intención de consolidarse no panorama formativo da provincia e ofrecer cursos de utilidade real tanto para persoas desempregadas como para traballadores en activo que desexen mellorar as súas condicións laborais.

Un dos grandes sinais de identidade do proxecto é que todos os seus alumnos contan con transporte gratuíto de ida e volta, incluído dentro da formación subvencionada. Un servizo clave que elimina barreiras, facilita a conciliación e permite que veciños de distintos concellos poidan acceder á formación sen asumir custos adicionais.

A oferta inicial arrinca con certificados oficiais de Xestión Administrativa (958 horas) e Auxiliar de Administración (430 horas), con inicio previsto para o 23 de marzo de 2026. Desde a dirección do centro sinalan que aínda quedan prazas libres para estas formacións, as cales destacan polas súas elevadas oportunidades laborais e a inclusión de prácticas en empresas, o que supón unha ponte directa cara á inserción no mercado de traballo. As persoas interesadas poden atopar toda a información ampliada e os detalles de inscrición na páxina web oficial do centro: www.bonsaber.es.

Pero este é só o comezo. Desde o centro avanzan que nos próximos meses irán ampliando e reforzando a programación formativa, incorporando cursos de prevención de riscos laborais, primeiros auxilios e accións específicas orientadas á atención sociosanitaria, ámbitos cunha elevada demanda no mercado laboral actual.

Con esta iniciativa, Estela Currás aposta polo rural como espazo de oportunidades e sitúa a Sandiás no mapa da formación profesional da provincia, cun modelo baseado na accesibilidade, a gratuidade e a conexión directa co emprego. Sandiás convértese así nun novo punto de referencia para quen busca cualificación, emprego e oportunidades… co valor engadido dun transporte que tamén é gratuíto para todo o alumnado.