Postura firme en Europa

O BNG esixe protexer o agro galego ante as graves ameazas do acordo comercial UE-Mercosur

A eurodeputada Ana Miranda denunciando as consecuencias do tratado co Mercosur para o sector agrogandeiro galego.

A eurodeputada do BNGAna Miranda, reiterou o seu rexeitamento ao tratado da Unión Europea co Mercosur polo grave impacto que terá sobre o sector agrogandeiro galego, especialmente nas pequenas explotacións de carne, apicultura e avicultura. Miranda sinala que o acordo supón un triplo problema: competencia desleal para os produtores, falta de garantías sanitarias para os consumidores pola normativa laxa de Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai, e o incumprimento de estándares medioambientais.

Para frear estas consecuencias, o BNG presentou emendas que incluían unha cláusula de salvagarda para activar medidas de protección se as importacións subían un 5% ou os prezos baixaban na mesma porcentaxe. Porén, a eurodeputada denunciou que o Partido Popular rexeitou estas propostas en Bruxelas, deixando aos agricultores galegos sen un amparo efectivo. Segundo Miranda, o PP mantén un discurso en Galicia mentres en Europa apoia un texto que prexudica directamente ao noso rural.

A formación nacionalista leva máis dun ano alertando sobre estes riscos e trasladou a súa preocupación directamente aos comisarios de Agricultura e Comercio, Christophe Hansen e Maroš Šefčovič. O BNG insiste en que as consecuencias do acordo non foron suficientemente avaliadas e que existe un risco real de desaparición para moitas explotacións do país ante a falta de protección da soberanía agrícola.