Esixencias ante Goberno Central

Medio Rural esixe máis controis en fronteira e cláusulas de salvagarda polo acordo UE-Mercosur

A conselleira María José Gómez defende que os produtos importados de fóra da UE deben cumprir estritos requisitos sanitarios.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este martes de xeito telemático na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, onde esixiu ao Goberno central un incremento nos controis fronteirizos ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Gómez incidiu en que calquera produto que entre en España debe cumprir os mesmos requisitos sanitarios que os dos nosos produtores, demandando un plan específico de inspección que reforce as competencias estatais mentres a Xunta intensifica as súas propias vixilancias en Galicia.

A titular de Medio Rural subliñou que a defensa das cláusulas de salvagarda é unha cuestión irrenunciable e unha liña vermella para protexer o sector primario galego da incerteza actual. No marco das negociacións da PAC para o período 2028-2034, a conselleira reclamou que os 45.000 millóns anuais propostos pola Unión Europea se destinen directamente ao sector primario e que o Estado asigne á PAC o 10% da dotación do fondo nacional do denominado Obxectivo Rural.

A Xunta volveu advertir que a proposta da futura PAC é lesiva para Galicia por implicar recortes de fondos e a perda de piares que garanten axudas directas e desenvolvemento rural. Finalmente, Gómez lembrou a necesidade de que o Ministerio actúe fronte á dermatose nodular contaxiosa, solicitando unha rebaixa na categoría da enfermidade e o desenvolvemento dunha vacina marcada para a súa administración preventiva.