O PSdeG de Ourense atribúese os “fitos históricos” de Menor
O Grupo Provincial Socialista presentou dúas mocións que, baixo o nexo común do deporte como motor de desenvolvemento provincial, abordan tanto a necesidade de dotar á provincia dunha infraestrutura de calidade para a ximnasia como o compromiso coa protección dos menores no ámbito deportivo. Ambas iniciativas serán debatidas no vindeiro pleno ordinario da corporación provincial o 24 de xullo e reflicten o compromiso dos socialistas cunha visión integral do deporte que combina infraestruturas de excelencia con valores sólidos de protección e seguridade.
A primeira moción demanda a construción dun pavillón multiusos de ximnasia e o recoñecemento de Ourense como capital da ximnasia de Galicia, mentres que a segunda céntrase na colaboración cos clubs deportivos para a implementación efectiva do protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte. "O deporte vertebra as dúas propostas desde perspectivas complementarias: nunha apostamos polas infraestruturas necesarias para que os nosos deportistas poidan competir en condicións óptimas, e noutra priorizamos os valores e a protección dos vulnerables", explicou Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista.
Vila destacou que, neste ecuador do mandato 2023-2027, "o Grupo Provincial Socialista mantén o seu compromiso co deporte ourensán desde unha perspectiva integral que vai máis alá da súa dimensión competitiva e abrangue a urxencia de infraestruturas acaídas e a importancia de promover valores sólidos de respecto, protección e seguridade". O voceiro socialista subliñou que "o deporte pode ser un auténtico motor de desenvolvemento económico e social para Ourense, pero só se contamos cos equipamentos necesarios e cun marco de valores que garanta a protección das e dos deportistas desde idades temperás".
Infraestruturas de calidade e valores sólidos no deporte
Os socialistas reclaman que a Deputación exerza un rol de liderado na coordinación interinstitucional para impulsar conxuntamente coa Xunta de Galicia e os concellos afectados a construción definitiva dun pavillón multiusos de ximnasia na comarca de Ourense. "Somos terra de ximnasia e de recoñecidas ximnastas, adestradoras e adestradores, e clubs, que marcaron época a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional", subliñou Vila. Segundo este, "os éxitos da ximnasia en Ourense a altísimo nivel son inversamente proporcionais á precariedade e insuficiencia das instalacións deportivas especializadas para a súa práctica".
O voceiro socialista lembrou que en febreiro de 2014, a delegación territorial da Xunta en Ourense anunciaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo chamado a converterse en referente da ximnasia en Galicia e no Estado, comprometendo un orzamento estimado en tres millóns de euros. "Esta promesa, que alentou as expectativas de toda a comunidade ximnástica, permanece incumprida máis dunha década despois, xerando frustración e evidenciando a necesidade dunha nova achega á cuestión", fincou Vila.
Neste senso, a iniciativa socialista propón que a Deputación asuma o liderado na coordinación interinstitucional, avalíe destinar unha partida orzamentaria específica, promova un convenio de colaboración entre administracións e impulse o recoñecemento oficial de Ourense como Capital da Ximnasia.
A outra moción céntrase na colaboración cos clubs deportivos para a implementación efectiva do protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte, aprobado polo Observatorio da Familia e da Infancia de Galicia o 14 de maio de 2024. "Aínda que a posta en marcha do protocolo foi un avance significativo na defensa dos dereitos dos menores nunha entorna segura e saudable, a súa implementación presenta importantes eivas que comprometen a súa efectividade na protección dos menores", alertou Vila.
O voceiro socialista explicou que "a administración autonómica non ten proporcionado axuda suficiente aos clubs para a implantación efectiva do protocolo, limitándose a unha sesión de formación de escasas horas á que só asistiron quen voluntariamente quixeron facelo, e a uns vídeos informativos subidos na páxina web". A moción propón incorporar á OU DS Axenda 2030 da propia Deputación de Ourense accións específicas, desenvolver plans de formación para clubs deportivos, instar ás administracións a establecer axudas económicas e crear mecanismos de avaliación e seguimento.
Os fitos do PP na Deputación son iniciativas socialistas
Con relación ao balance feito polo grupo de goberno do PP sobre os dous primeiros anos de mandato, "os principais fitos destacados por Menor son iniciativas socialistas que nós defendemos desde hai anos e que foron obxecto de mocións e propostas levadas ao pleno da Deputación". Vila afirmou que "o Plan CooperOu de financiamento xusto e equitativo dos concellos, a mellora da xestión de Meisa, o plan de vivenda, o transporte metropolitano ou o cofinanciamento dos conservatorios son propostas que o PSdeG ten impulsado de forma constante na institución provincial".
O voceiro socialista lembrou como xa en setembro de 2023 o seu Grupo presentou un borrador do Plan CooperOU, que serviu de base para o proxecto que se aprobou, e como en marzo de 2025 presentaron unha moción para avanzar cara a mellora dos mecanismos de financiamento dos concellos da provincia.
No que atinxe á xestión de Meisa, "en marzo de 2024 presentamos unha moción para instar á Deputación a avanzar cara unha xestión profesional da Estación de Montaña de Manzaneda". Sobre o transporte metropolitano, "tamén en marzo de 2024, a través dunha iniciativa esiximos poñer en marcha no curto prazo o transporte metropolitano de viaxeiros na comarca de Ourense, que se conforma coma unha histórica reivindicación socialista".
Sobre o cofinanciamento dos conservatorios, "en abril de 2024 presentamos unha moción sobre o financiamento dos conservatorios profesionais de música da provincia, logrando que a Deputación destinase unha partida específica de 200.000 euros a repartir entre os cinco conservatorios profesionais da provincia".
Respecto ao plan de vivenda, "en maio de 2024 presentamos unha moción para un plan de compra e rehabilitación de vivendas nos concellos de menos de 20.000 habitantes que, dotado cun monto próximo aos 2 millóns de euros, permitiría poñer a disposición anualmente 91 novas vivendas na provincia".
"É todo un logro que o goberno provincial, que non conta con maioría na Deputación, se vexa obrigado a adoptar as nosas propostas e que as destaquen cando fan balance, demostrando que as iniciativas socialistas son axeitadas e necesarias para o desenvolvemento da provincia”, dixo o secretario provincial do PSdeG-PSOE. “Porén, lamentamos que o PP non recoñeza publicamente a orixe destas iniciativas e se apropie politicamente de propostas que naceron do traballo e o compromiso do Grupo Provincial Socialista", sentenzou Vila.