Dous anos sen resposta

O BNG de Porqueira reclama acceso ás contas das piscinas e doutros servizos municipais

Sonia Fondevila e Bernardo Varela.

O grupo municipal do BNG de Porqueira, a través da súa concelleira Sonia Fondevila, rexistrou no Concello unha solicitude formal para acceder á información económica das piscinas municipais, así como doutros servizos como as rozas e a axuda no fogar, despois de dous anos de reclamacións sen éxito.

 

A petición conta co apoio do deputado provincial do BNG en Ourense, Bernardo Varela, quen tamén reclama claridade na xestión económica municipal, ao considerar imprescindible dispoñer dos datos de ingresos e gastos para avaliar o impacto da suba das taxas aplicada polo Concello e comprobar se está xustificada.

 

O BNG lembra que a concelleira solicitou esta documentación por distintas vías, incluído o pleno do 18 de setembro de 2025, sen que o goberno local cumprise cos prazos legais de resposta, o que interpreta como unha obstrución á labor de control da oposición e unha mostra de opacidade.

 

Ademais, o grupo nacionalista alerta de posibles desaxustes nos ingresos destes servizos e advirte de que non descarta acudir a instancias superiores ou aos tribunais para facer valer un dereito recoñecido pola lexislación vixente e garantir unha xestión correcta dos fondos públicos.