Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira, nominada ao Premio Alcaldesa Rural Galicia 2026
O Concello de Porqueira celebra que a súa alcaldesa, Susana Vázquez, foi nominada á categoría Alcaldesa Rural, recoñecendo o seu compromiso coa igualdade, o desenvolvemento local e o fortalecemento da vida no rural galego. Estes premios buscan visibilizar e poñer en valor o traballo das mulleres que lideran e transforman o territorio.
Nesta edición participaron máis de 80 candidatas de toda Galicia, desde alcaldesas de pequenos concellos ata emprendedoras, profesionais do sector primario e comunicadoras. A nominación de Susana Vázquez reflicte a importancia do seu liderado nun rural dinámico, innovador e con nome de muller.
A votación popular está aberta ata o 15 de febreiro a través da web oficial dos premios. As tres candidatas máis votadas de cada categoría pasarán á fase final, na que un xurado especializado elixirá ás gañadoras. A gala de entrega será o 20 de febreiro en San Xoán de Río, como acto central do Congreso da Muller Rural Galicia 2026.