A Asociación de Mulleres Rurais A Arracada trae á Limia a adaptación contemporánea de “As vellas non deben de namorarse”
A Asociación de Mulleres Rurais A Arracada organizará o vindeiro 29 de novembro, ás 19:30 horas, no CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga, a representación de "As vellas non deben de namorarse", unha adaptación contemporánea da coñecida comedia de Castelao interpretada pola compañía Airiños.
A iniciativa, que rende homenaxe ao autor no 75 aniversario do seu pasamento, encaixa na aposta da asociación por achegar a cultura en galego ao rural limiao e reforzar o seu compromiso coa igualdade e a visibilidade das mulleres. "Queremos traer a cultura ao rural e dar protagonismo a mulleres con conviccións, cheas de talento e que impulsen o cambio cara unha sociedade máis xusta e igualitaria", sinala Raquel Coello, presidenta da entidade.
Airiños, o grupo de teatro amador en activo máis antigo de Galicia, actuará por primeira vez na provincia de Ourense. Cunha traxectoria de máis de 90 anos, a compañía é un símbolo de resistencia e compromiso coa lingua e cultura galegas.
Baixo a dirección de Amantia Coello —natural da Pereira, en Rairiz de Veiga— a adaptación sitúa a historia no século XXI, transformando aos vellos en vellas e introducindo novas miradas sobre as identidades de xénero e orientacións sexuais, sempre desde o humor e o espírito crítico que caracterizan a obra de Castelao.
Con esta proposta, A Arracada reafirma o seu labor de dinamizar o rural a través da cultura, da defensa da identidade galega e da igualdade.