miércoles. 13.11.2024

A Saínza unha tradición de máis de 170 anos que empezou como unha batalla medieval de Moros e Cristiáns, auspiciada por un crego de regreso das colonias -contan- e inspirada nas celebracións do Leste da Península que conmemoraban aquel conflito de séculos que se deu en chamar a Reconquista, converteuse co tempo na romaría da Limia, a gran xuntanza anual de final do verán, o fito do equinoccio que reúne miles de persoas, labregos e burgueses, obreiros e patróns, chegados a pé ou a cabalo, despois en autobuses ou coches, aos prados e carballeiras dun lugar da chaira moi preto do Limia, descansa hoxe nos brazos e nos corazóns de dous capitáns mozos: Diego (o mouro) e Breogán (o cristián), que días antes da festa acordan unha hora para un café e unhas fotos, para lembrar que a festa segue aí, viva, no rural empobrecido e despoboado que eles xa coñeceron así e que esta nova xeración se resiste a abandonar e por iso os ritos, as tradicións, son hoxe manifestacións do amor pola terra, máis que nunca, un berro. 


Diego e Breogán, capitáns dos exércitos, citáronse no castelo unha semana antes da batalla. Breogán Prieto ten 24 anos e empezou a participar na festa como ‘cautivo’ (refén) con 12 anos. Elixiu bando e desde o 2017 é o capitán dos cristiáns que acompañan a procesión, escoitan a misa e despois recuperan o castelo e os reféns en mans dos moros. Diego Veloso ten 28 anos e empezou como ‘cautivo’ aos 8. Cando chegou o momento elixiu o bando dos moros e agora é o seu capitán.


“Veremos como andamos de xente este ano, porque cada vez hai menos xente que se anima a vestirse e participar”, lamenta Breogán, de San Pedro, en Sabariz. “Eu empecei non lembro moi ben por que, xa que na miña familia non se vestía ninguén”. “Na miña familia tampouco”, apunta Diego, que viviu en Ordes até que casou hai pouco. 

Diego e Brais. Moros e cristiáns. Saínza. 2022 (3) Romaría (FILEminimizer)
Diego Veloso e Brais Prieto. 

Na do 2019, a última batalla antes da paréntese pola pandemia, participaron “entre 40 e 50 persoas entre os dous exércitos”. O Concello de Rairiz de Veiga encargou este ano 22 traxes novos. Despois de dous anos, custará sacar os vellos traxes do caixón. “Esta festa é única polo que supón para toda a comarca e as vilas e aldeas arredor da Limia”, afirma Diego. “É a romaría da Limia”. E Breogán conta que un dos seus avós viña de Verea nun camión que tiña e non faltaba nin cando chovía, porque para a chuvia sacaba a lona do camión para refuxiarse todos. 

“O dito é que hai catro anos de sol e un que toca chuvia”, explican. “Mais como levamos dous anos sen festa, non sei como irán as contas”. A Saínza é a festa de Rairiz, e tamén sempre foi a de Xinzo e das outras aldeas. “Pechaba todo, o 24, o día propio, en Xinzo era festivo aínda que non o fose. Os negocios pechaban e todo o mundo viña xantar á Saínza. Non sei doutras batalla de Moros e Cristiáns, din que se en Lodoselo había... A min o que me gustaría é facer unha compilación en forma de fotos da Saínza, estou matinando niso, porque nas casas ten que haber moitas, igual que historia sobre a festa, e contalas para que se coñezan”, di Diego.

A batalla cambiouse para o domingo 25 este ano. Esa mañá, despois da procesión e antes do xantar, haberá o asalto, unha loita de Moros e Cristiáns, e cabalos arredor da pequena torre en metade da planicie, ben visíbel, e haberá bombas de palenque a ducias. Os Moros cederán o castelo que a noite anterior asaltaron, nunha cerimonia que se instaurou hai tres lustros para renovar a festa. Diego e Breogán coñecen os seus papeis de memoria. Non hai nervios. O Concello traballa desde hai días en acondicionar o campo. Espéranse miles de persoas o próximo domingo para a batalla, as carballeiras de arredor xa están reservadas por familias e cuadrillas de amigos. Pasaron dous anos, mais poucos esqueceron que o 24 (este ano, o 25) hai cita para despedir o verán na Saínza, e está convidada toda a Limia. 

NOTICIAS A LIMIA | Moros e Cristiáns teñen todo a punto na Saínza para a gran romaría...