jueves. 25.04.2024

A covid entrou de novo nunha curva descendente se se toman os datos do conxunto da comarca. Xinzo representa hoxe un 43% do total de casos activos, cando durante varias semanas superou o 60%. Por iso a baixada xeral está sendo máis suave. Pero marzo remata con peores cifras das que comezou. Se o día 2 (primeira data con rexistros) anotábanse 73 contaxios, este xoves, último día do mes, son 200 en toda a Limia, 2,7 veces máis.

En Xinzo a baixada consolídase. Hoxe hai 13 rexistros menos que onte, e 60 menos que hai xusto unha semana. O 24 de febreiro había 80 casos. Así que Xinzo volve aos niveis de hai un mes. 

No resto do concellos hai situacións diversas. Baltar, Vilar de Barrio, Os Blancos e Vilar de Santos mantéñense en cifras moi baixas. En Porque, Calvos, Rairiz, Sandiás e Sarreaus as variacións son mínimas, e en xeral están mellor que hai unha semana. A excepción a esta estabilidade é Trasmiras, que xa anota 27 casos e está nos máximos de toda esta sexta onda.

Así están os rexistros:
BALTAR  (variación =) 4 (activos)
OS BLANCOS  (+1) 8
CALVOS DE RANDÍN (-1) 10
PORQUEIRA  (=) 10
RAIRIZ DE VEIGA (-1) 12
SANDIÁS (+1) 16
SARREAUS (-1) 14
TRASMIRAS  (+1) 27
VILAR DE BARRIO (+1) 3
VILAR DE SANTOS (-2) 7
XINZO DE LIMIA  (-13) 86

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou hoxe que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 19.218 deles 2.153 da provincia de Ourense.

 

CHAMAMENTO A ACUDIR AOS CRIBADOS DE CANCRO DE COLON

Por outra banda, e coincidindo coa celebración este xoves do Día Mundial contra o cancro de Colon, o SERGAS advertiu onte da baixa participación nos programas de cribado. En concreto, na provincia de Ourense foron chamadas o ano pasado 64.297 persoas, cunha participación media do 44,2% (28.434). A baixa participación agrávase no segmento dos que son convocados por vez primeira, nos que a taxa redúcese ao 15.9% en homes e ao 19% en mulleres, fronte ao seguimento masivo dos que xa levan anos sendo convocados.

O SERGAS indica que un de cada vinte test realizados é positivo á presenza de sangue. O estudio colonoscópico posterior permitiu o pasado ano detectar 721 adenomas pretumorais, con distintos graos de risco, e diagnosticar 25 casos de cancro. “Esta é a única estratexia que permite previr a aparición do cancro colorrectal”, di Joaquín Cubiella, do Servizo de Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e responsable do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva del IIS Galicia Sur.

CORONAVIRUS A LIMIA | A comarca pecha marzo con case o triplo de casos que no inicio...