viernes. 19.04.2024

A finais de novembro de 2019, o piloto galego dun pequeno submarino cargado con 3.000 quilos de cocaína encallou o artefacto nunha praia da ría de Aldán (Pontevedra). O piloto chamase Agustín, vigués, ex campión de España júnior de boxeo. Vén acompañado por dous ecuatorianos. Levan 27 días no mar. Cruzaron o Atlántico no somerxíbel de 21 metros e medio de eslora. Partiron dalgún lugar do Amazonas entre Colombia e Brasil e o seu destino eran as costas de Portugal. Mais o plan torceuse.


A historia de Agustín, os seus compañeiros de viaxe e as catro persoas que intentaron organizar unha descarga á desesperada, todos hoxe condenados en primeira instancia por narcotráfico a diferentes penas, cóntaa o xornalista Javier Romero (Xinzo de Limia, 1980), quen desde hai 15 anos traballa para La Voz de Galicia, no seu primeiro libro, unha longa crónica titulada Operación Marea Negra.


Javier regresa cando pode a Xinzo. Aquí a familia conserva casa. En Xinzo ten amizades e garda cálidas lembranzas das épocas de vacacións, cando regresaba cos pais, que se instalaron en Pontevedra cando el era un cativo. Os recordos de Javier son a cuadrilla da adolescencia e a avoa paterna e a casa dela.  


Pasou o confinamento en Vigo e alí empezou a dar forma ao libro mentres cubría a información sobre o suceso para o xornal.  


“Nunca se vira nada igual nin en Galicia nin en España nin Europa. Parecía imposíbel cruzar o Atlántico nun artefacto como ese. Publicamos páxinas e páxinas. Ao principio era todo moi hermético, pero en febreiro de 2020 levantouse o segredo de sumario. Tiven acceso ao procedemento, case 1.500 páxinas, e empecei a topar cousas curiosas”, conta Romero ao Diario do Limia en conversa telefónica.


“As persoas que estaban sendo investigadas eran os tres tripulantes e catro colaboradores en terra. Non aparecía ningunha organización e falábase vagamente dunha organización provedora. Ademais, os de terra, tres mozos e un home, pai dun deles, eran amigos de Agustín, amigos da adolescencia. E tiñan vidas normais, un en Vigo, outro en Lleida, outro en Mallorca... Non encaixaba”.

Nunca se vira nada igual nin en Galicia nin en España nin Europa. Parecía imposíbel cruzar o Atlántico nun artefacto como ese.

Javier Romero empezou a ampliar o abano de fontes, ademais das policiais, baixou á rúa. Investigou no mundo do boxeo en Vigo. Coñeceu a Paco Amoedo, un adestrador reputado. Tivo unha longa entrevista con el. Fora preparador de Agustín. Tamén coñeceu a amigos dos outros tres rapaces. Trazou os perfís daqueles sorprendentes protagonistas dunha historia de narcotráfico que acaba nun chasco.


Segundo a investigación policial, Agustín pertencía presuntamente a unha organización de narcos. Facía transportes desde Alxeciras a Madrid. Mais no 2019 recibiu un encargo diferente. O primeiro piloto contratado para realizar a viaxe desde o Amazonas a Portugal tamén era galego. Ao parecer, renunciou nada máis pisar a selva e volveu por onde viñera. Entón chamaron a Agustín.


O plan era un desembarco a unhas 250 millas da costa Portuguesa. Dúas lanchas sairían ao encontro do submarino. Pertencían a unha organización galega que tamén opera en Portugal, conta Romero. Os investigadores din que fallou o motor dunha delas. Os teléfonos empezaron a cruzar mensaxes. A alerta saltou no MAOC (Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico), con sede en Lisboa. A Armada portuguesa despregou o seu dispositivo. Desde Colombia chegaron novas instrucións. O somerxíbel debería tomar rumbo a Galicia. 

Javier Romero. Xornalista. narcotráfico (1)
O xornalista, durante a viaxe a Colombia para a gravación do documental.


“Aqueles días a tormenta Cecilia estaba sobre o litoral galego. Non conseguiron que ningunha organización do Salnés se fixese cargo. Probabelmente porque sabían que o encargo estaba viciado”, relata o xornalista. “Pero conseguiron un pesqueiro con base en Asturias. O encontro tería que ser na Costa da Morte. A Garda Civil descubriuno e saíu a interceptar o barco. Cun helicóptero e un canon de luz, voando en círculos, conseguiron que dese a volta”.


“Nalgún momento Agustín chamou aos seus amigos. Estes intercambiaron mensaxes. Os que estaban fóra voaron de inmediato a Vigo. Intentaron contratar unha lancha e unha furgoneta. Improvisaron”.


O piloto terminou embarrancando o submarino na costa. Alí rematou todo, e empezou a investigación de Javier, que conta as vidas do boxeador e os seus amigos até aquel momento. 

En Colombia este tipo de artefactos son habituais, constitúen unha ameaza seria. Só en 2021 interceptaron 31. Moitos na área do Pacífico”.

Despois o xornalista viaxou a Colombia para participar nun documental sobre a súa investigación. “En Colombia este tipo de artefactos son habituais, constitúen unha ameaza seria. Só en 2021 interceptaron 31. Moitos na área do Pacífico”. En Colombia entrevistouse con autoridades da loita contra o narco, visitou unha base militar en Cartaxena e viaxou até Tumaco e puido ver os laboratorios do narco e os manglares onde se constrúen os narcosubmarinos. Iso está no epílogo do libro.   


En Colombia tamén constatou que desde os acordos de paz, especialmente entre 2016 e 2018, a produción de folla de coca multiplicouse. As zonas abandonadas pola guerrilla e que o Estado non controla convertéronse en novas plantacións. “Os informes da ONU veñen dando conta deste problema nos últimos anos, agora parece que o Estado colombiano está intentando controlar iso, pero a coca cultívase para vender, e véndese”.

Galicia segue a ser o que foi toda a vida: unha praza relevante da entrada de cocaína en Europa. A estrutura criminal que se creou nos oitenta, continúa”.


“O narcotráfico en Galicia está igual ou peor que antes da Operación Nécora en 1990”, sostén o xornalista. “Os comisos así o indican. En Galicia levamos cinco anos consecutivos superando as 10.000 quilos interceptados. Iso nunca pasou antes. As redes están aí. O prezo do quilo, que evidencia se hai stock, custa uns 27.000 euros. Estabilizado. Sempre andaba por riba dos 30.000”.

Javier Romero. Xornalista. narcotráfico (4)
Portada do libro.

“Isto non afecta só a Galicia. O bum estase a producir en todo o mundo. En Alxeciras mesmo. África agora mesmo é a adega da coca de Europa. As organizacións do Magreb xa deron o salto ao tráfico de coca”, di Javier.


E conclúe: “Galicia segue a ser o que foi toda a vida: unha praza relevante da entrada de cocaína en Europa. A estrutura criminal que se creou nos oitenta, continúa. Cando aquilo empezou, Galicia era unha zona desexada pola súa orografía costeira. Hoxe pasa o mesmo, pero a aquel atractivo engádese unhas estruturas asentadas e que teñen corenta anos de bagaxe. Fabrícanse ‘planeadoras’ por todos lados. Aquí hai entradas de organizacións de todo o mundo, do Este é do Magreb tamén”.

ENTREVISTA | “O narcotráfico en Galicia está igual ou peor que antes da operación...