lunes. 07.10.2024

Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959) é catedrático de Filoloxía Galega na USC e secretario e membro da Real Academia Galega. Amigo persoal de Carlos Casares e estudoso da súa obra, no 2017 publicou en Galaxia o ensaio Carlos Casares, un contador de historias. Vida e obra. O seu último libro é O idioma galego baixo o Franquismo. Da resistencia á normalización, do 2021, tamén en Galaxia.

Como chega vostede á obra de Casares e cando coñece a Carlos Casares?
Antes de coñecelo persoalmente eu lera, polo menos, Os escuros soños de Clío. A Carlos coñecino a comezos dos oitenta sendo el deputado no Parlamento galego. En Compostela estaban aquelas tertulias da noite na Cidade Vella... Despois coincidimos en Galaxia. A nosa amizade foi a máis. Cando el se fixo cargo de Grial, pediume que fixese parte do consello de redacción da revista. Contra o final, cando el era o presidente do Consello da Cultura, eu era o secretario.

Que papel xoga Casares na literatura galega contemporánea?
Pódolle dar unha opinión máis ben como lector e como amigo que como experto. Penso que é un renovador da narrativa, fundamentalmente na narrativa, porque logo ten un capítulo importante como xornalista literario. Ademais está esa capacidade que tivo para chegar a un público moi amplo. Foi dos máis lidos, xa desde Vento ferido. Foi un autor enormemente popular, e por suposto que lle axudou moito a proxección que tivo a través das súas colaboracións en prensa. 

Ser popular, chegar ao público... era unha vocación moi definida nel?
Si. El tiña unha vocación comunicativa extraordinaria. Era unha cuestión ética e estética. Porque pensaba, por un lado, que a literatura galega tiña que saír das capelas de iniciados e normalizarse. E, desde o punto de vista estético, el defendía a sinxeleza, a claridade. Unha elegancia que se baseaba niso... e que parece fácil cando se le.

Tamén a aposta polo galego foi unha aposta ética, política?
Unha aposta estratéxica, política e social, si. El pensaba que a normalización da lingua pasaba tamén por afastala de connotacións políticas. Evidentemente, sabía moi ben das connotacións políticas do uso do galego durante o franquismo. Pero, despois do franquismo, pensaba que a normalización viría por afastar o uso dunha identificación cunha posición política concreta. E iso xa era en si unha posición política.

Cambiou hoxe a percepción ou a recepción de Casares a respecto de hai vinte anos?
Pois non sei se teño a distancia suficiente do personaxe para dar unha resposta máis ou menos obxectiva esta cuestión. Para min é inseparábel o escritor da persoa, e é alguén que me veu acompañando... Téñoo moi presente. Habería que llo preguntar ás novas xeracións. 

É un renovador da narrativa, fundamentalmente na narrativa, porque logo ten un capítulo importante como xornalista literario. Ademais está esa capacidade que tivo para chegar a un público moi amplo. Foi dos máis lidos.

Carlos Casares traballando no seu portátil. FOTO Fundación Carlos Casares
Carlos Casares traballando no seu portátil. FOTO Fundación Carlos Casares

Que sería hoxe o máis actual de Casares como escritor ou como intelectual?
Pois, moitas cousas... Eu destacaría o seu papel como figura pública. Foi unha persoa dunha ética democrática impecábel. Tiña un compromiso fondo coas ideas democráticas... hoxe vemos o importante que é iso. Casares era un home ponte, con gran capacidade para mediar entre distintos sectores sociais e ideolóxicos, e mesmo entre distintas culturas. 

Sabía moi ben das connotacións políticas do uso do galego durante o franquismo. Pero, despois do franquismo, pensaba que a normalización viría por afastar o uso dunha identificación cunha posición política concreta.

Vostede ten escrito que un dos eixos da obra de Casares foi a investigación das razóns da guerra e do franquismo. Puido responder a esa pregunta?
Refírome en concreto a ese ciclo de Ilustrísima, Os mortos daquel verán e Deus sentado nun sillón azul. Esas obras son tres momentos da historia da Galicia contemporánea nas que está implícita unha resposta. Cal sería? El denuncia a intolerancia, o autoritarismo, o dogmatismo; e reivindica a liberdade, a cultura, a ciencia, a democracia... Lidas nesa orde, vese bastante ben. 

Por onde empezar a ler a Casares?
Por Vento ferido... é unha autentica marabilla. 

ENTREVISTA | “Casares era un home ponte, con gran capacidade para mediar”