Despois do día de onte, onde se coñecía a noticia do falecemento do célebre presentador de televisión, a causa dun cancro, aos 68 anos de idade, Allariz rendeu homenaxe a unhas das súas figuras máis emblemáticas.
A incineración realizouse posteriormente na intimidade familiar, logo dun funeral moi emotivo onde diferentes caras coñecidas da televisión autonómica e políticos estiveron presentes na súa despedida.

O presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices; Tonhito de Poi e a actriz e presentadora, Diana Nogueira, foron algúns dos que se achegaron para darlle o último adeus ao carismático comunicador e showman alaricano.
Para rematar o funeral de "Superpiñeiro", a súa sobriña Lucía quixo dedicarlle unhas palabras onde glosou a súa figura, dicindo que Piñeiro era unha persoa moi querida, pero que "tivo que darse unha circunstancia coma esta para que, lamentablemente, tiveramos que comprobalo con esta magnitude. Estamos tremendamente agradecidos de todas as mensaxes de afecto que por todas as canles recibimos. De todos, dos maiores, que chegaban a nós agradecendo o cariño que el sempre tivo con eles, pero tamén da xente moito máis nova".

Piñeiro saíu da igrexa de Santiago entre incontables mostras de afecto cara a súa familia e no medio dun caloroso aplauso de todos os presentes, que ateigaban o céntrico templo alaricano.

Pouco antes das 18:00 horas deste xoves 23 de xaneiro, os seus restos, soterrados na máis estrita intimidade, xa descansan no camposanto local, o da vila de Allariz, que o viu nacer, medrar e triunfar como comunicador.