A Deputación de Ourense fixo balance este venres da campaña 2025 do Plan Provincial de Lectura, cualificando os resultados como un éxito rotundo tanto no fomento do hábito lector entre os máis novos como no apoio directo ao comercio de proximidade.
As cifras do peche de campaña reflicten un alto nivel de execución: as familias ourensás canxearon un total de 15.963 bonos para a compra de libros, o que supuxo unha facturación de 281.115,05 euros nos establecementos adheridos. O sistema contou coa participación de 36.800 menores censados na provincia, xerándose inicialmente 18.743 bonos (dos cales quedaron sen usar 2.711).
Un dos datos máis salientables do balance é o impacto territorial e comercial: o 100 % das librarías participantes (57 establecementos repartidos en 14 municipios) lograron canxear bonos durante a campaña.
Dende a institución provincial valoran moi positivamente estes datos, destacando que o programa non só facilita o acceso á cultura á infancia e mocidade, senón que se consolidou como un balón de osíxeno fundamental para o tecido cultural e as librarías da provincia. Ademais, a xestión técnica resolveu o 100% das 1.717 incidencias rexistradas durante o proceso.
