O Teatro Principal da Deputación de Ourense presentou a súa programación para o segundo semestre de 2026, integrada por unha ampla oferta de teatro, música, danza e audiovisual que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro.
A programación foi presentada polo vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; a vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Montse Cruz; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
Durante a presentación, César Fernández destacou a importancia da colaboración entre institucións para garantir o acceso á cultura como un "dereito fundamental da cidadanía". Tamén puxo en valor o traballo do equipo do Teatro Principal, asegurando que a programación ofrece propostas de "calidade e para todos os públicos", consolidando este espazo como unha "institución de referencia cultural en Galicia".
O vicepresidente segundo da Deputación reafirmou ademais o compromiso da institución provincial de seguir apostando pola cultura "como condición básica para a dignidade da vida humana".
Pola súa banda, Jacobo Sutil agradeceu o labor que realiza o Teatro Principal "a prol da difusión cultural" e cualificou a programación como unha oferta "diversa en canto a temática e disciplinas". Pola súa parte, Montse Cruz salientou que unha universidade pública "non se pode entender sen o desenvolvemento cultural tanto interno como externo", engadindo que abrir a Universidade a este tipo de actividades debe ser "un dos nosos principais obxectivos".
A directora do Teatro Principal, Olga Mojón, foi a encargada de presentar o detalle da programación, que incluirá citas xa consolidadas como o OUFF, o FITO, Voces Femininas ou Nadal en Familia. Entre as propostas escénicas destacan a estrea da compañía ourensá Sarabela Teatro con O sangue das promesas: incendios e a representación do clásico galego Memorias dun neno labrego.
A información completa sobre a programación pode consultarse na páxina web do Teatro Principal de Ourense.
