Os deputados do Grupo Popular, Juan Casares e Víctor Baladrón, desprazáronse ata o concello de Baltar para coñecer de primeira man o funcionamento da "Furgoteca", o servizo de biblioteca móbil da Xunta de Galicia. Acompañados polo alcalde da localidade, José Antonio Feijóo, os representantes autonómicos puxeron en valor este recurso como unha ferramenta fundamental de acceso aos servizos bibliotecarios e de cohesión territorial para aqueles municipios que carecen de instalacións fixas.
Durante a visita, recordouse que na provincia de Ourense operan actualmente dous vehículos que cobren áreas diferenciadas. Por unha banda, a ruta de Ourense-Sur, que atende aos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo de Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós. Pola outra, o servizo de Ourense-Occidental, que chega a Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea. A unidade móbil visita cada un destes municipios dúas veces ao mes.
Tal e como puideron comprobar os deputados, a Furgoteca non se limita ao préstamo de libros e revistas, senón que ofrece tamén asesoramento lector, formación dixital e resolución de dúbidas tecnolóxicas, así como a organización de actividades culturais. Nese sentido, Víctor Baladrón sinalou que este recurso transcende o cultural para converterse nunha "ferramenta social que favorece o desenvolvemento persoal". Pola súa banda, Juan Casares incidiu en que o servizo correxe "unha realidade estrutural de desequilibrio" no acceso a servizos básicos no interior, cohesionando culturalmente o territorio.
