Cuntis xa ten en marcha a conta atrás para celebrar a XXVII Festa do Lacón con Grelos, unha das citas gastronómicas e festivas máis destacadas do calendario local. A vila termal acollerá durante a fin de semana do 21 e 22 de febreiro unha programación que mestura tradición culinaria, música en directo, cultura popular e propostas de lecer pensadas para todas as idades.
O Concello abriu o prazo para reservar mesa no tradicional xantar popular, eixo central da celebración. As reservas poderán realizarse do mércores 11 ao mércores 18 de febreiro chamando ao 986 53 36 00. O prezo será de 23 euros por persoa e as mesas deberán ser de número par. A organización lembra que non se venderán entradas o propio día, polo que só se poderá acceder con reserva previa.
O domingo concentrará boa parte dos actos institucionais e festivos. O pregón correrá a cargo do xornalista Alfonso Hermida ás 12.00 horas na Praza da Constitución, mentres que a comunicadora Rocío Padín será a encargada de presentar o acto central.
A xornada completarase coa apertura da feira de artesanía, animación musical polas rúas, o Folión de Carracedo da Serra, a charanga Los Támega e o xantar popular ás 14.00 horas, ademais de actividades familiares pola tarde, concertos e o tradicional Enterro do Chapante como peche simbólico da festa.
A programación arrincará xa o sábado coa música en directo como protagonista. O mítico dúo Cómplices, formado por Teo Cardalda e María Monsonís, presentará en Cuntis a súa xira “Cómplices Íntimos”, acompañados pola D’Crooners Band. Pola noite, o ambiente máis verbeneiro chegará co Guatequelacón, coa actuación de Jorge Ferre e Karamelo Disco Móvil.
O Concello anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Cuntis para desfrutar dunha fin de semana que combina sabor, tradición e festa arredor dun dos pratos máis representativos da gastronomía galega.
Programación
Sábado 21 de febreiro
• 20.30 h: Apertura de portas concerto Cómplices
• 21.15 h: Actuación de Cómplices e D’Crooners Band (Carpa xunto ao Pavillón Municipal)
• 23.45 h: Guatequelacón con Jorge Ferre e Karamelo Disco Móvil
Domingo 22 de febreiro
• 11.30 h: Actuación do Folión de Carracedo da Serra
• 12.00 h: Apertura da feira de artesanía
• 12.00 h: Pregón a cargo de Alfonso Hermida, presentado por Rocío Padín (Praza da Constitución)
• 12.30 h: Charanga Los Támega
• 14.00 h: Xantar popular do Lacón con Grelos
• 17.00 h: Actuación infantil e taller prehistórico
• 18.30 h: Actuación musical de Fátima Pego
• 19.30 h: Enterro do Chapante e peche da festa
Reservas do xantar
• Do 11 ao 18 de febreiro
• Teléfono 986 53 36 00
• Prezo 23 € por persoa
• Só con reserva previa e mesas de número par
