jueves. 25.04.2024

Francisco Xavier Casares Mouriño, irmán de Carlos Casares, preside a Fundación Carlos Casares desde o falecemento de Kristina Berg, viúva de Carlos, en 2012. Naceu en Xinzo en abril de 1946. Licenciouse en Medicina en Compostela e exerceu como pediatra no Hospital de Ourense. Foi concelleiro de Sanidade no Concello de Ourense e deputado no Parlamento galego polo PSdG-PSOE. Na actualidade é tamén presidente do Liceo de Ourense, onde atende ao Diario do Limia para abrir esta serie de publicacións en homenaxe a Carlos Casares cando se cumpren 20 anos do seu pasamento.

Cal é hoxe o papel da Fundación Carlos Casares?
Carlos era un home integrador e tiña moi claro o que quería para a cultura de Galicia e para Galicia. Para nós é fundamental contar con persoas tolerantes e que traballen pola cultura e pola literatura galegas. Así é como mantemos o legado de Carlos, ademais de espallar a súa obra literaria. 

Que relación mantén a Fundación con Xinzo?
Foi decisión da familia que os actos do Día das Letras de 2017, dedicado a Carlos, se celebrasen en Xinzo.  Foi unha xornada moi ben organizada, con presenza de todas as institucións e moita xente do ámbito da cultura galega. Aquel ano inaugurouse en Ourense un exposición sobre Carlos que agora está no Museo do Entroido, na planta baixa, é o Museo Carlos Casares. Iso está en Xinzo e queremos que aí siga.

Cal é a recepción hoxe da obra de Carlos Casares?
O do ano 2017 foi espectacular. É moi difícil manter iso no tempo. Pero os estudos sobre a súa obra e as referencias a ela nos medios de comunicación seguen sendo constantes. No 2017 levamos a obra de Carlos ás escolas, iso foi o mellor. Desde a Fundación seguimos nesa liña, con presencia en centros escolares e centros culturais. Creo que temos unha presenza constante. 

Que lle queda a vostede de Carlos Casares?
Foi unha persoa fundamental na miña vida. Foi preceptor e amigo. Levábame cinco anos, el orientoume na lectura. O primeiro libro en galego que me deu a ler foi O porco de pé, de Risco, e explicoume o que nel se trataba. Imaxínese o que foi aquilo para un neno de 14 ou 15 anos... Tivemos sempre unha relación moi próxima. Coa perda de Carlos perdín un referente fundamental na miña vida. 

Que reflexión tiraría Carlos Casares do momento actual?
Pois el era un home moi analítico. Seguro que tiraría algunhas conclusións moi acertadas. El, que era un home ao que non lle gustaba a violencia, estaría asustado pola deriva que leva a situación mundial. Posibelmente estaría asustado pola ausencia dun liderado no mundo que poña algo de orde xeopolítico. Estaría desalentado e pesimista por esta falta de liderado que nos oriente. 

No 2017 levamos a obra de Carlos ás escolas, iso foi o mellor. Desde a Fundación seguimos nesa liña, con presencia en centros escolares e centros culturais.

Xavier Casares. Presidente Fundación Carlos Casares. Liceo de Ourense (2)
Xavier Casares, tamén é o actual presidente do Liceo de Ourense. | FOTO: DdL

Vinte anos despois da súa morte, que pegada deixou na literatura galega?
Penso que segue a ser lido, tanto as súas novelas e ensaios como aqueles artigos, o que el chamaba o seu libro aberto, que editaba a diario La Voz de Galicia. Algunha influencia ten na xente que se está iniciando. Seguro. A súa era unha literatura moi actual.

Quedan tamén pegadas da xeración de escritores de Carlos Casares?
Houbo iso que se chamou Nova Literatura Galega, estaba Ferrín e outros. Mais creo que Carlos non se sentía parte daquilo. De todos os xeitos, Ferrín, Alcalá, Alfredo Conde... son xente moi importante na literatura galega. 

ENTREVISTA | “Hoxe Carlos estaría asustado pola ausencia dun liderado no mundo”